Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xoán Carlos García Porral: "Este libro recupera a figura dun caseiro real que viviu aquí na zona"

"Componse de 57 relatos, practicamente todos certos, que son fiados a través dun personaxe para poñelos todos en relación"

García Porral, junto a la Estatua do Porco, en 2015. // Bernabé/Gutier

O profesor Xoán Carlos García Porral presenta o seu novo libro O último caseiro mañá, venres, ás 20:15 horas no Museo Ramón María Aller de Lalín. Nel, mediante pequenos relatos baseados en feitos reais, brinda a oportunidade de coñecer un pouco máis o mundo rural, os seus traballos e as súas historias. Recupera o personaxe do caseiro, aquel que durante anos se dedicou a coidar nas propiedades dun dono ou amo para ter o básico para sobrevivir. García Porral presenta neste traballo o paradoxo de que hoxe en día os caseiros non son os que viven no rural, senón aqueles que viven de aluguer nas cidades co mínimo mentres se empregan nun traballo con condicións moi precarias.

-De que trata 'O último caseiro'?

-Ao vivir no mundo da aldea, no rural, sempre dende cativo vas escoitando contos da xente, contos que che contaban eles de cando eran mozos ou de que facían cando eran rapaces ou como afrontaban a vida. Entón ti vés marcado un pouco por eses contos, ao vivir nese ambiente. Así xurdiu a idea de todos eses contos poñelos por escrito. Ese escrito mandáraos ao Concurso Balbino de relatos e aínda que non resultou gañador consideraron que o escrito tiña suficiente información para ser publicado.

-O libro está composto por varios relatos?

-O libro componse por 57 relatos onde practicamente todos son certos, ocorreron realmente. Inténtase a través dun personaxe fiar todos eses relatos, poñelos todos en relación, como se eses relatos ou ben lle acontecen a el e entón nárraos en primeira persoa ou lle aconteceron a veciños ou coñecidos. Entón é unha trama dende que era pequeno ata chegar a ser ancián. Chámase O último caseiro, este personaxe que historicamente é real, aínda que despois hai cousas que aparecen que son ficción, pois foi dos últimos caseiros que xa houbo aquí na zona. De feito, rematou a súa tarefa de caseiro en 1973 ao que puido vivir á súa conta sen depender dun amo. A través das súas historias pódese ver como era a vida dos caseiros. Había tres tipos de labradores, os amos, que eran os donos das terras e non traballaban; os labradores digamos máis avanzados, que co que traballaban nas súas terras podían mellorar a súa calidade de vida; e logo os labradores que tiñan o básico para vivir. A maiores había unha cuarta, que eran os caseiros, que non tiñan nada e tiñan que traballar para o amo, para o rico.

-Como foi a recolección das historias?

-Hai historias que xa sabes dende pequeno, que che foron contando e viven na túa memoria, esa foi unha fonte. Outra fonte foi falando con xente maior que hai aínda pola aldea que che van contando os detalles, algo que ti escoitabas e gravabas. Esas son as dúas fontes básicas para a recompilación de información deste libro.

-Encóntranse moitas referencias xeográficas da zona?

-Si. Había unha dobre alternativa, se ser fiel os espazos xeográficos e a localización na que acontecen os relatos, ou camuflalos e inventar uns nomes e inventar outro emprazamento. Entón se pos a historia noutro lugar impides que algún que se vexa reflectido nesa historia que se conta, entón vese máis anónima. Pero por outro lado, pensei que era mellor manter os nomes dos lugares nos que acontecen as historias aínda que logo lle cambies os nomes aos personaxes e manter o significado das historias, porque co paso do tempo é unha maneira de que iso continúe aí. Por iso ao final decidín que aparecerán os lugares reais, parroquias de Agolada, Rodeiro, aparece algo de Silleda, aparece tamén moito, loxicamente, algo de Lalín, a Feira da Gouxa de Dozón, todo o que ven sendo a comarca do Deza aparece identificada. É unha forma de manter a toponimia e a identidade do rural.

-Pódese identificar algún persoeiro da zona coñecido?

-Persoeiro da zona coñecido no hai porque esta xente que aparece no libro non é coñecida. O protagonista fala de persoas de varias zonas, de xente que faleceu ao mellor hai 70 anos.Nalgúns casos incluso se lle cambia o nome. Hai outra xente que si poden recoñecer non polo nome pero si pola historia, de quen se está a falar. De todos modos as historias non son, digamos, prexudiciais para a xente. É unha forma de darlle importancia a toda esas persoas anónimas que traballaron no rural toda a súa vida e que nunca tiveron ningún tipo de valoración nin de agradecemento. É unha maneira de manter todo aquilo que eles vían como normal, o que facían día a día e se está perdendo.

- Este é o primeiro libro seu que non é un estudio.

-Si. Este é o meu quinto libro en autoría propia, logo escribín outros dous, un con Óscar González Murado e outro con Antonio Presas e coordinara Unha terra con historias. Todos agás este son estudios antropolóxicos, etnográficos ou patrimoniais sobre cuestións da aldea, do traballo ou dos castros. Este é un libro de contos onde non se fai unha análise antropolóxica, aínda que en cada relato podíase facer, aquí simplemente se recolle para plasmar como era a vida antigamente. Son historias moi sinxelas de ler, hainas que son de media cara e hainas que son de tres páxinas. O título de cada un dos relatos coincide coa última liña de cada conto. Á xente maior vaille resultar todo coñecido incluso lle pode resultar rechamante, e para a xente nova é unha maneira de recuperar o léxico do rural agora os rapaces non saben o que é unha artesa, por exemplo e ademais recuperar as tradicións e os ditos vencellados ao agro que se están perdendo. Iso de cultivar os froitos segundo a lúa na que te atopes ou cuestións semellantes.

Compartir el artículo

stats