Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soutolongo, terra de mámoas

A parroquia chegou a albergar alomenos dez xacementos, dos que se conservan tres

A do Coto de Espiñeira, afectada pola expansión dos prados. // A.P.

A gran mámoa do Coto de Vistalegre, unha das de maior monumentalidade da Comarca de Deza, está situada a 582 metros de altitude. Descoñecida como tal, foi obxecto dun costume relixioso moi orixinal na parroquia de Soutolongo, na festividade de San Antonio de Padua. O día 13 de xuño de cada ano a imaxe do Santo era levada desde a igrexa parroquial ata o Coto de Vistalegre, recorrendo unha distancia de 800 metros, para que o párroco abenzoara, desde ese lugar, os florecentes cultivos de finais de primavera: trigo, centeo, millo, hortas, etc. A iso chamábanlle os veciños "levar o santo ao Coto".

A mámoa do Coto do Couto atópase nunha encrucilla de Camiños Reais: O que ven desde O Ribeiro en dirección ás pontes antigas de Orneiros e Taboada, seguindo unha dirección Sur-Norte, e o que enlaza Baxán con Barcia na dirección Leste-Oeste. A maoires destes dous camiños, tamén pasan por ese sitio os que levan a Vilatuxe, Vilar, Os Gancedos e Marcelín. O Coto do Couto ou Mámoa de Sete Camiños (este último nome venlle dado pola múltiple encrucillada de camiños) foi un lugar moi frecuentado polo lobo que se desprazaba seguindo a liña divisoria dos ríos Deza-Asneiro e, por ese motivo, ainda se conservan algunhas referencias relacionadas coa súa asidua presenza nese lugar: "Cando pasabas de noite polo Coto do Couto sentíase a presenza do lobo moi cerca e, se non sucedía iso, era moi raro que non se escoitaran desde lonxe os seus oubeos".

A mámoa que se atopa ao Norte do Castro de Lodeiro, a 612 metros de altura, nun monte que, antigamente, se coñecía como Coto Espiñeira. Este punto foi empregado, no Catastro de Ensenada en 1752, como referencia para a delimitación da parroquia de Soutolongo.

No século XVIII Soutolongo ocupaba unha superficie de 10 quilómetros cadrados, un 143% máis ca actual. Daquela o seu límite meridional alongábase polos montes de O Fixón, Campelo e Fontepiosa, case 2 quilómetros, ata chegar ao Coto da Saborida. Nesas terras, que pertencían aos grandes señoríos da parroquia (Pazo dos Infanzóns ou de Espinosa), localizábanse unhas sete mámoas: A Mamoa Redonda, O Coto de Tras da Mámoa, as dos Cotos da Saborida, Os Cotiños e as de Fontepiosa. Soutolongo era unha das parroquias de Lalín que tiña un maior número de mámoas.

A razón de todo isto debémoslla, sobre todo, a un importante aspecto da súa xeografía: O feito de que a parte máis alta da parroquia se atope ao longo da liña divisoria das concas fluviais dos ríos Deza e Asneiro, separando a Soutolongo das parroquias de Barcia e Vilatuxe. Antigamente esa liña acadaba unha lonxitude de 4,3 Km, e aí era onde se atopaban as dez mámoas que houbo na parroquia.

As mámoas máis antigas foron construídas hai uns 6.000 anos, incluso antes que as pirámides de Exipto. Daquela houbo un importante cambio ambiental: O clima, que fora moi frío, mellorou sustancialmente durante os períodos Boreal e Atlántico e isto fixo posible a aparición da agricultura cerealística e da gandeiría doméstica; como consecuencia disto, os poboadores de Galicia fixéronse máis sedentarios e apareceron as primeiras aldeas.

Todos estes cambios levaron consigo unha transformación na mentalidade dos nosos antepasados e, foi daquela, cando apareceron unhas tumbas de gran tamaño que recibirían, posteriormente, en tempos históricos, o nome xenérico de mámoas, medorras, medoñas, modias, fornos dos mouros e casas dos mouros. Estas tumbas, de gran tamaño e monumentalidade, estaban formadas por unha cámara feita con lousas moi pesadas, cuberta cunha tampa. Esa estrutura recibe o nome de dolmen, anta ou arca. Recubrindo este dolmen atopábase un "montículo" de terra, denominado túmulo, que foi construido artificialmente. En consecuencia, as mámoas están formadas por un dolmen interno e un túmulo externo.

Para construir unha mámoa era preciso buscar e transportar grandes lousas, a miúdo desde lugares moi distantes, empregando medios moi rudimentarios e dependentes tan só da forza humana, logo había que poñelas en posición vertical, recubrir todo con terra e subir polo propio túmulo a gran lousa da cubrición do dolmen. Moita xente cre que foron os mouros, uns enigmáticos seres prehistóricos, que tiñan unha forza sobrehumana, vivían moitos anos e contaban con poderes máxicos, os que fixeron estes monumentos, metendo dentro deles grandes tesouros. Esta arquitectura coñécese como megalitismo, así denominada por utilizar grandes pedras para as construcións.

As mámoas non son os únicos monumentos megalíticos que se fixeron en Galicia, tamén había círculos líticos e pedras fitas ou fincadas en vertical, denominadas menhires, pero tanto na parroquia de Soutolongo, como nas outras do noso concello, non se coñecen máis que as mámoas. Localízanse en lugares achairados dos nosos montes ou en montañas de mediana altura, case sempre en sitios de tránsito relativamente fácil e serviron para marcar o territorio dos vivos pero, sobre todo, para enterrar aos mortos.

As crenzas relixiosas

Os construtores de mámoas debían crer nunha vida despois da morte, unha importante razón para xustificar a súa complicada construción e isto é algo que se pode deducir se temos temos en conta tanto os enxovais e obxectos que enterraron cos defuntos, como a colocación de idoliños na entrada do corredor que daba acceso á cámara. Entre os obxectos desenterrados en escavacións arqueolóxicas cabe resaltar: Vasos de cerámica lisa, machados de pedra pulidos, mazas, láminas de sílex, puntas de frecha e varios outros, polo xeral, feitos con ese propósito e, polo tanto, sen que foran usados con anterioridade. Eran obxectos elaborados, exclusivamente, para o morto.

En canto á arte desenvolvida por aquelas xentes, cabe destacar a existencia de grabados rudimentarios no interior das lousas das cámaras, denominadas ortostatos ou esteos, consistentes en diversos ziguezagues, liñas onduladas, etc. Pero nalgunhas antas teñen aparecido pinturas rupestres consistentes en liñas marcadas en cores vermello e negro sobre un fondo branco feito con caolín en pó mesturado con graxas de animais. A cor negra obtíñana con carbón vexetal e a vermella, con óxido de ferro. O significado, tanto dos grabados como das pinturas, descoñecémolo, pero debía estar relacionado co mundo máxico e espiritual dos seus creadores.

A febre do ouro

Por último, convén ter en conta o que lles sucedeu ás mámoas ao longo da Historia. No século XVII o clérigo Pedro Vázquez de Orxas, que estivera nas Indias (a futura Iberoamérica), rexistra as mámoas e pídelle permiso ao rei Felipe III para abrilas, co propósito de buscar os fantásticos tesouros que pensaba que había no seu interior. Isto provocou o desencadeamento da "febre do ouro en Galicia" e foron profanadas, en poucos anos, miles de mámoas. De nada serviron as lendas que afirmaban que eses fabulosos tesouros estaban custodiados por enormes serpes, porque non lles fixeron caso.

O dano que lle fixeron os buscadores de tesouros foi enorme, pero iso non foi a única causa da súa desgraza. Tamén foron utilizadas para subministrar pedras para diversas construcións rurais: Facer valados, casas, alpendres, cerres diversos, etc. Outras veces, cando se abriron camiños ou estradas, se roturaron montes, se cultivaron terras ou se construiron casas no seu lugar, non se respectaron e foron arrasadas por completo. Na actualidade o seu estado de conservación é deplorable: Algunhas son vertedoiros de lixo, outras foron excavadas para sacar terra para diversos usos, outras sofren actos vandálicos, outras foron novamente profanadas para buscar tesouros...; en fin, atópanse nunha situación moi triste e precaria.

As mámoas ou cortellos dos mouros, denominación popular que reciben en varias partes de Galicia, foron a primeira arquitectura monumental da nosa Historia e a súa construción tivo lugar durante a longa fase do megalitismo (períodos Neolítico, Calcolítico e Idade do Bronce). No interior de moitos dólmenes conservados aparecen importantes manifestacións artísticas de significado enigmático e, por todo iso, ben merecen que se adopten medidas específicas para a súa conservación.

Compartir el artículo

stats