Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha soada festa de Entroido dezao de primeiros do século XX

A Piñata de Gresande e Cristimil

A Guerra de 1936 truncou esta celebración popular, un dos primeiros "altos dos xenerais" de Deza e Ulla

Os nosos informantes no camiño real polo que ía a comitiva dos de Cristimil á Piñata. // D.G.A.

Pasa xa de oitenta anos que desapareceu unha das celebracións do Entroido máis populares e concorridas da comarca de Deza: A Piñata de Gresande e Cristimil, no municipio de Lalín. A Guerra do 36 truncou esta festa popular que, polas referencias que temos, debeu constituír un dos primeiros e máis soados "altos de xenerais" das comarcas de Deza e Ulla.

Os veciños das parroquias lindeiras e mesmo dun amplo contorno da Galicia Central concorrían con música e disfraces á festa do domingo de Piñata que naquel primeiro terzo do século XX tivo moita sona. Mesmo os xornais de entón daban conta da celebración. Así, El Pueblo Gallego de Vigo o 4 de marzo de 1930 publicaba o programa da Piñata daquel ano, que xa comezaba o sábado con abóndante pólvora, repetíndose as bombas de palenque o domingo ao romper o día. Á unha xa comezaban as comitivas o percorrido polas dúas parroquias concorrendo no campo de Agoleta coa representación á que seguía o baile deica a noite. A música poñíana o coro La Armonía de Cristimil, dirixido polo mestre Antonio Costa, e a banda de música da Penela (Donramiro-Lalín). Remataba a noticia do xornal sinalando: "La juventud de Cristimil y Gresande y demás pueblos del contorno está animosa y llena de afanes para que la fiesta sea grande".

Xenerais, crego e coro

O festexo tiña lugar o primeiro domingo de Coáresma, e poñía o remate ás festas do Entroido daquela moi celebrado en toda Galicia. Nesta Piñata, enfrontábanse os veciños de Gresande e os de Cristimil, que artillaban senllos exércitos no chamado Campo da Goleta, lindeiro das dúas parroquias. Os xenerais, un por cada bando, ían dacabalo, sendo os encargados de loitar "versallando" mentres os sentinelas e as tropas facíano a pé escoitando atentamente aos seus xefes, uns e outros convintemente ataviados con uniformes militares e armamento. No remate facíanse as paces e dábase por gañador a unha das parroquias correndo a perdedora co gasto da banda de música para o ano seguinte. Tamén asistían moitos veciños con disfraces representando os oficios chamados "de arrastro", coma xamoneiros, troiteiros, leiteiros, ferreiros, carpinteiros, capadores, que mesmo levaban animais domésticos, e non faltaba o frade que dende un improvisado púlpito botaba un sermón pleno de retranca e humor. Tamén se formaba un coro que, ben ensaiado nos días anteriores, interpretaba pezas compostas para a ocasión. Tanto os versos que pronunciaban os xenerais, coma os do coro versaban de asuntos diversos, sen que faltase a política, os costumes, os acontecementos da parroquia, sempre ben aderezados de gracia, crítica e retranca, e mentres os xenerais verseaban en castelán, o coro facíao en galego, idioma que tamén empregaba o frade na súa disertación. Outro acto moi celebrado era o "Xuízo do Entroido", no que un veciño disfrazado e cun lacón e uns chourizos ao lombo chegaba o recinto nun carro onde era xulgado diante da parella da Garda Civil, e ao ver mal a cousa, tras ser condeado a morte, remataba fuxindo entre a xolda xeral.

No festexo da Piñata decote estaban presentes o alcalde de Lalín, o capitán da Garda Civil e mailo xuíz do Partido, tanto para controlar o que se dicía como para manter a orde, malia que nesta celebración nunca houbo pelexas. A festa do domingo de Piñata, á que concorrían tamén tabernas ambulantes sobre carros, pulpeiros, rosquilleiras e algunhas atraccións, remataba sempre co baile e diversión a ben entrada a noite. Se sobraban cartos destinábanse a pagar as festas do San Xurdo en Cristimil e do San Ramón de Gresande.

A célebre Piñata de Gresande e Cristimil debeu de ter as orixes nos derradeiros anos do século XIX, quizais inspiradas nas batallas da Guerra da Independencia ou nas dos carlistas na primeira parte daquel século sanguinolento. Emularon os uniformes, a disciplina, a instrución, e mesmo as armas substituíndo a pelexa física pola verbal.

Mágoa non ter recollido anos atrás as testemuñas dos protagonistas, agora falecidos todos eles, e ter que conformar coas referencias dos seus veciños e descendentes, daquela nenos, que asistiron coma espectadores e agora aínda emocionados lembran aqueles lonxanos anos.

Por iso, as primeiras referencias que puidemos recoller dos veciños máis vellos da zona lévannos ao ano 1915, cando Victorino González Peña de Quintá era xeneral dos de Cristimil antes de emigrar a Buenos Aires. Precisamente, cóntase que foron os emigrantes da Arxentina os que trouxeron a denominación da Piñata para este festexo do Entroido. Tiña tradición en varios países de Sudamérica, desde onde seica chegou a moitos lugares de Galicia, ás Canarias e outros puntos de España, coma San Sebastián ou Ciudad Real, onde aínda se celebra na actualidade mesturándose con outras tradicións populares.

Os protagonistas

Aínda que na Piñata participaba a case totalidade dos veciños das parroquias de Cristimil e Gresande, algúns tiñan unha maior implicación e participación na celebración. Nos primeiros anos do século XX, os irmáns González Peña, veciños de Quintá, en Cristimil, tiñan especial protagonismo na organización do festexo, facendo de xenerais e recitando os versos que e-les mesmos preparaban. Primeiro foi Victorino, como xa indicamos, que sería relevado polo seu irmán Xesús cando marchou para a emigración arxentina. Este -avó de quen escribe- deixaría o labor no 1922, cando casou para Filgueira (Lalín), recollendo o testiño Delmiro durante varios anos. Por un tempo Gaspar de Vales faríase cargo de compoñer os versos e facer de xeneral, pero no ano 1928 volvería recuncar Delmiro, logo de que o de Vales preparara uns comprometidos versos contra do réxime de Primo de Rivera, que os organizadores coidaron podía levalos ao xulgado. O de Quintá seguiría facendo de xeneral deica 1932, en que tamén emprendería o camiño da emigración seguindo aos da familia, aínda que logo había volver. No ano 1936, último da celebración, o testiño pasaría a mans doutro dos irmáns González Peña, Xaime, quen, co estoupido da guerra, andaría fuxido por Bustelos, na aba da Serra do Candán, para rematar fuxindo a Arxentina. Coa guerra, como queda dito, remataría para sempre a tradicional Piñata.

Os González Peña eran fillos de Daniel González Vigide, que co seu irmán Ramón e outros veciños fundaran e formaran parte da Sociedad de Agricultores e Labradores de Gresande, impulsora das escolas laicas en Deza, nos primeiros anos do século XX. Ramón, que fora emigrante en Buenos Aires, acadaría aló certa fortuna coma comerciante e varios parentes e mesmo veciños seguiron o mesmo camiño ao longo de varias décadas. Tamén temos referencias de que Manuel de Carreira e Xosé da Barreira asumiron algún ano o papel de xenerais dos de Cristimil. O punto de reunión dos de Cristimil era o campo da festa de Mato, ao pé do camiño real que bordeaba o castro local antes de que o estragase a estrada de Prado a Vilatuxe.

Polos de Gresande, que tiñan o seu punto de partida nunha fermosa carballeira que servía de campo da festa, na que hoxe se atopa a centro social, os que facían de xenerais eran Xosé de Gamallo e Cesáreo Areán de Insúa. As bandas de música de Gresande e Sanxurdo, ou parte delas, acompañaban en ocasións ás comitivas das parroquias e mesmo amenizaban a verbena.

Laxeiro e Carrón

Xa referimos á grande concorrencia e mesmo participacion dos veciños dun amplo contorno na Piñata. Especial presenza tíñana os veciños de Botos e os de Donsión, que naqueles anos tamén debían celebrar o seu "Alto de Xenerais", que alí coñecían coma "O Atranco", no que se formaban exércitos con xente a pé e dacabalo, indo todos engalanados con traxes militares e chápeos ben adornados que os máis vellos aínda gardaban na casa deica hai poucos anos.

Precisamente nesta parroquia residía naqueles anos Xosé Otero Abeledo, o célebre pintor Laxeiro, asiduo na Piñata, segundo el mesmo nos refiriu nalgunha ocasión lembrando a súa participación e mesmo a admiración polos nosos devanceiros, os González de Quintá. Aquela mascarada e a de Botos deberon influír na pintura do artista lalinense de xeito que na súa obra o tema do Entroido aparece reflictido en numerosos debuxos e lenzos.

Tamén sabemos da participación de Celso Carrón, de cuxa imprenta saían naqueles anos os periódicos lalinenses Verdad y Justicia e Razón, entre outros, así coma numerosas publicacións. Na Piñata corría cos predicamentos facendo de crego dende un púlpito de pólas e ramallos, sendo moi aplaudido polos asistentes.

Doutras parroquias, coma Barcia, Anseán e Soutolongo, chegaba xente con traxes militares e disfraces a pé e dacabalo e tamén temos noticias da participación de parroquias de Trasdeza na Piñata, coma as de Taboada e Silleda, que tamén daquelas celebraban altos do Entroido, que desapareceron para sempre coma tantos outros, non sabemos se coa guerra ou coa represión franquista. Coa chegada da democracia moitas celebracións do Entroido xa non volveron recuperarse. Faltaba a xente nova e, con ela, a alegría e a ilusión.

Agradecemento: Na elaboración deste artigo contamos coa axuda de Xosé de Meterio, Eladio Rodríguez de Vales e Pedro Rodríguez, de Gresande, Gustavo González, Ramón Gamallo e Servando Santomé, de Cristimil, e Pepe Páxaro, de Botos, que aportaron as súas valiosas testemuñas; e Manuel Regueiro e Suso González Alén, que nos axudaron no traballo de campo e coas fotos.

Compartir el artículo

stats