Hai máis mundo máis alá de Río, Santa Cruz de Tenerife, Laza, Xinzo de Limia ou a propia cidade de Ourense. O Entroido de Deza saca peito e tamén presume de orixinalidade e tradición, aínda que resulte menos mediático. A festa de Don Carnal tén nesta fin de semana a súa voráxine de eventos por toda a comarca, pero en realidade xa durante os días pasados todos os centros educativos organizaron actividades para despertar a imaxinación de alumnos e mestres á hora de escoller o disfraz máis orixinal. Onte, como último día de escola, os estudantes do colexio de Prado organizaron un destile nas instalacións do centro no que as vestimentas de superheroes, de animais e de protagonistas das series de debuxos animados compartiron espazo con personaxes máis tradicionais, como unha réplica das Dúas Marías, a escultura de dúas mulleres que pode contemplarse na Alameda de Santiago e que lembra ás irmás Maruxa e Coralia Fandiño. Sen sair de Lalín, o IES Aller Ulloa organizou un desfile no polideportivo, con exhibicións dos disfraces, xa fosen individuais, por parellas ou por grupos.

Os estudantes do CEIP de Silleda, que levaban toda a semana vestíndose cada día dunha cousa, onte foron caracterizados como escritores. Os maiores deste municipio recibiron a Don Carnal cun xantar no restaurante O Coteliño, cunha velada na que a música foi cousa do dúo Punto Zero. Tamén no municipio trasdezao, pero no casco urbano da Bandeira e en torno ás 21.00 horas, o Tractor Filloeiro percorreu as principais rúas da vila para repartir filloas e tamén chourizos. A tradicional Vellada desta vila é o prolegómeno dos actos que terán lugar hoxe ó longo do día.