Na presentación, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, puxo en valor o traballo realizado por colectivos e concellos para "recuperar esta tradición" que, segundo indicou o rexedor compostelán, Martiño Noriega, "forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia" e ten un "alto valor contemplativo".

E é que o Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca neste período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se mantén traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festa desde 2011.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos dacabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun exército de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Finalizan as súas actuacións escenificando un atranque ou alto, un enfrontamento dialéctico por parellas, no que os participantes aproveitan para faceren burla e sátira dos asuntos locais, sobre todo os relacionados coa política ou co corazón.