Hoxe xoves presentouse o 2º Concurso Balbino de Relatos, que leva o nome do protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas. De periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de que o idioma no que estea escrito o orixinal deberá ser en lingua galega e que a súa temática se relacione co rural galego. Trátase dunha plataforma para dar a coñecer a novos literatos ou consagrar aos xa coñecidos. Iso si, ten como temática “o rural galego” para por en valor a difusión da cultura galega.

Este Concurso de Relatos xurdiu co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos escritores/as de Galicia. A presentación deste certame tivo lugar no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. No acto estiveron presentes os representantes das entidades colaboradoras; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luis Reimóndez; o rexedor do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández; e o responsable da empresa promotora do concurso, Manuel Núñez de Técnicas & Gramaxe. Ademais dos mencionados, neste proxecto tamén colabora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Vila de Cruces.

O prazo estipulado para remitir os escritos finaliza o venres 30 de xuño de 2017 e, ditos relatos deberán cumprir unha serie de requisitos formais, marcando unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres e, como non, centrarse na temática rural galega. A obra gañadora será elixida por un xurado profesional de recoñecido prestixio que darán o fallo no mes de setembro. O autor do relato premiado recibirá un premio dobre, un cheque por valor de 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza.Edición de 2016

Na anterior edición do Concurso “Balbino” de Relatos recibíronse un total de 31 orixinais dos que resultou gañador Camiños na sombra, da autoría do xoven escritor coruñés, Xián Lois Alcayde Dans.