Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Elas demostran que tamén saben regueifar

O alumnado do instituto Marco do Camballón organiza este sábado un Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza

Noa Guzmán, Nuria Penas e Marta Pereiro posan no instituto cruceño. // Bernabé

"Queremos chegar a máis xente e que a xuventude descubra qué é a regueifa". Así explican Noa Guzmán e Nuria Penas, as coordinadoras da actividade, o motivo do Encontro de Mulleres Repentistas que terá lugar este sábado, día 28, no auditorio Xosé Casal. A el acudirá unha quincena de regueifeiras de todas as idades e de diversas partes de Galicia. Algunhas son estudantes que están dando os seus primeiros pasos nesta actividade artística e outras xa son profesionais e xa puxeron, hai tempo, un nome feminino á regueifa. Por iso, nesta xornada non podía faltar unha homenaxe a nomes míticos da regueifa, como Angelita de Baño (brindeira do Courel) ou Josefa de Bastavales, a cantareira e pandereteira que a comezos deste século participou nunha xira internacional con Manu Chao.

"A regueifa está moi recuperada", engaden as coordinadoras da xornada, "pero con este acto queremos demostrar que a maioría das regueifeiras son mulleres", visto que a idea que pervive entre o público é que a regueifa é cousa só de homes. Por iso, ó longo do sábado terán lugar diversas iniciativas gratuitas que queren "visibilizar a chegada dunha nova xeración de mulleres improvisadoras". Así, ás 11.30 horas comezará unha asamblea de mulleres repentistas, que analizará cál é o estado actual da regueifa de muller. Pola tarde, a partir das 16.30 Alba María impartirá un obradoiro de regueifa feminista, e ó seu remate terá lugar un espectáculo de improvisación en verso, aberto ó público, que subirá ó escenario a máis de dez mulleres improvisadoras. A partir das 21.00 horas, no Bar Txapela (o mesmo lugar onde se celebrou en decembro a I Festa de Repente) está programada unha foliada regueifeira na que actuarán as pandereteiras de Cercio xunto ás regueifeiras e todo aquel espontáneo que queira demostrar a súa arte á hora de facer versos en directo.

Noa Guzmán e Nuria Penas, cando regueifan, son Noa do Capón e Nuria das Cruces. Teñen 13 anos e, xunto a outras compañeiras como Marta Pereiro, xa teñen demostrado a súa arte no programa televisivo Luar, así como en Santiago, no País Vasco ou en breve no colexio da Bandeira, con motivo do Entroido. "A regueifa pode servir para abordar calquera tema, e é un método moi bo para perder o medo a falar en público", asegura Nuria. Preguntada polo temor a quedarse en branco en plena actuación, asegura que "hai unha presión moi forte, pero se te bloqueas o público enténdeo e aplaude", consciente de que non é nada fácil facer rimar o segundo e cuarto versos de cada estrofa, e por riba con certo sentido do humor.

Estas rapazas supoñen un capítulo máis dunha longa historia de mulleres regueifeiras entre as que destacaron, no século pasado, Leonarda de Tallo ou Marisol Manfurada, quen uniu regueifa e rap desde o movemento do rock bravú. Tamén puxeron apelido feminino á regueifa Sofía Tarela e Paola Beiro, máis coñecidas como As Garotas, ou Pepa Yáñez. Esta actividade forma parte das iniciativas que se organizan no seo do Proxecto Regueifesta, impulsado entre o instituto cruceño e o Maximino Romero, de Baio. O plan está recoñecido como Proxecto de Innovación.

Compartir el artículo

stats