Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lousa con gravados e unha grande mámoa en Bermés

A riqueza arqueolóxica da parroquia, que os veciños saben valorar, non para de medrar

Lousa con gravados e unha grande mámoa en Bermés

O veciño de Bermés Hugo Dafonte Senande mandounos aviso e foto dando conta do achádeo dunha lousa con gravados ao carón do camiño que vai de Bermés do Fondo a Palmou, en terras de Lalín. Con toda a lixeireza que puidemos fomos ao lugar para botarlle un ollo á lápida que forma parte dun vello valado e puidemos comprobar que presentaba petróglifos inéditos de certo interese e antigüidade. A lousa que se atopa xunto con outras chantada para pechar unha zarra, está lixeiramente inclinada e mide case un metro de altura na parte que está ao descuberto e fáltalle un bo anaco ao ser cortada pola parte superior. A anchura é de pouco máis de medio metro, cun grosor duns quince centímetros. Presenta uns vinte riscos paralelos cunha profundidade de máis dun centímetro separados entre si uns oito centímetros. Na parte inferior vense outras figuras xeométricas de semellante profundidade que poida que continúen na parte que está chantada ma terra.

Polas dimensión e características semella que a lousa ao igual que algunhas máis das que forman o valado, puido pertencer ao dolmen dunha mámoa e que foi reutilizada para fito ou marco sinalando lindeiros entre parroquias. Por aquí lindan as parroquias de Bermés, Palmou e non lonxe deben andar os lindeiros de Erbo e Val do Carrio. Precisamente nos límites que refire o Catastro da Ensenada a mediados do século XVIII, Bermés confina polo norte co "Marco da Vella" e Erbo co "Marco de Perafita".

Os Cotiños

Logo de comprobar os arredores e a nosa documentación e planos, non atopamos mámoas no entorno moi alterado polas labores agrícolas ao longo dos tempos.

Onde si localizamos unha mámoa de grandes dimensións foi na paraxe coñecida coma Os Cotiños, na chousa de Crespo, preto da estrada de Lalín a Vila de Cruces que atravesa a parroquia. Damos aquí primeira razón escrita da mesma deica o de agora.

A mámoa anda polos trinta e dous metros de diámetro e malia que foi rebaixada por labores agrícolas supera o metro e medio de altura. Na parte central pode ollarse o xa clásico cono de violación que noutro tempo lle fixeron para buscar tesouros e levarlle as lousas que formaban o dolmen. No burato medrou un eucalipto de boas dimensións.

Da mámoa saben os veciños máis vellos. O Requinto, que vive nas inmediacións, conta que cando el era cativo un mestre que poñía escola na parroquia levaba alí aos rapaces a escavar, xa que seica os mouros deixaran alí un tesouro. Consultado o amigo Armando Vázquez, nado nesta parroquia, referiunos que coñecía a existencia da mámoa e doutras dúas que deberon ser destruídas no camiño que vai a Oís, onde os Fondevila buscaron tesouros. O tamén amigo e investigador lalinense Antonio Presas tivo noticia dela hai anos, logo da construción dunha granxa nas inmediacións, e foron arrasadas outras tres que seica había neste outeiro dende o que se pode ollar unha ampla panorámica deica os montes que son confín da comarca dezá.

Nas abas do Carrio hai unha ducia de mámoas e un castro e hai quen asegura que a igrexa local se construíu enriba doutro.

A riqueza arqueolóxica da parroquia de Bermés, que os veciños saben valorar e apreciar, non para de aumentar día día. E, se importantes son os achádeos, para nós aínda o é máis a incorporación da xente nova ao estudio e interese polo noso patrimonio, coma neste caso pon de manifesto o amigo Hugo Dafonte Senande, que con só catorce anos non busca pokémons, senón as pegadas que nestas terras deixaron os nosos antepasados.

Compartir el artículo

stats