Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alejandra Fernández: "Algunhas fotos xa estaban en poder de bisnetos dos protagonistas"

"A instantánea máis antiga que incluimos é dos anos 20"

Alejandra, entre Natalí e Araceli, cun exemplar do libro diante da ponte de Gres. // Bernabé/Javier Lalín

O colectivo Amigos da Ponte de Ponteledesma xa está inmerso na súa segunda aventura editorial. Despois daquel Ponteledesma, nove arcos de auga, pedra e historia, do que se fixeron dúas tiradas nos dous últimos anos, xa está dispoñible Tal como éramos, un libro de fotos antigas que tamén publica Teófilo Edicións.

-¿Cómo xurdiu a idea de dar forma a este volume?

-En realidade, foi idea do editor, que leva xa 20 ou 30 libros de fotos antigas de toda Galicia. Propúxonolo xa o ano pasado e entón catro persoas comezamos a recompilar fotografías antigas da contorna, de maneira que aparecen instantáneas de localidades ás dúas beiras do Ulla: Ponteledesma, Gres, Camporrapado [tamén de Boqueixón], Camanzo, Bendaña [do concello coruñés de Touro], Cira, Añobre e Brandomés. Xunto a min, encargáronse de recompilar fotos outras tres compañeiras, Paula Fernández, Araceli Illobre e Natalí González Cacho, a presidenta de Asociación de Veciños de Ponteledesma. Xuntamos, en total, ó redor de 1.500 fotos, que se someteron a unha criba por parte do propio editor, que ó final quedou con 1.000.

-¿Cáles son as esceas máis cotiás que aparecen nestas instantáneas?

-A maioría son de entroidos, e é normal vista a enorme tradición que tén en toda a contorna o Entroido da Ulla. Tamén atopamos moito material gráfico referido a romerías e fotos de familia. Hai, ademais, as típicas fotos que se facían os emigrantres en Arxentina, eran fotos de salón nas que se lles incluía determinados efectos, por así decilo, como un coche de carreiras. Entre todas as fotos que nos proporcionaron as 40 familias que colaboraron connosco tamén aparecen retratos de equipos de fútbol, da banda de música ou incluso da liña de autobuses que daba servicio a Ponteledesma. De feito, hai unha fotografía dun bus que quedou avariado no medio da ponte.

-¿Cal é a foto máis antiga da que dispoñen? ¿E a máis recente?

-Pois a máis antiga data dos anos 20 do século pasado, e as máis recentes son de finais dos 80 ou comezos dos anos 90. Manexamos fotos moi antigas, e isto tiña como dificultade engadida que ás veces resultaba moi complicado identificar ás personas que saían nas instantáneas, porque non se lle sabían os apelidos e, sen embargo, se lles coñecía mellor polos alcumes. E tamén hai que ter en conta que moitas destas fotos antigas xa estaban en poder dos bisnetos dos que saían nelas. Da mesma maneira, neses retratos dos 80 ou 90 saen xa ducias de persoas que son bisavoas.

-¿Houbo reticencias á hora de cederlles as fotos?

-Non, á maioría da xente si que lle gostou colaborar, quizais tivemos máis dificultades para o primeiro libro. Nesta segunda aventura xa vían que se trataba dunha cousa seria.

-A presentación da primeira obra, Nove arcos de pedra... tivo lugar a finais do ano pasado e no marco dos Ciclos de Outono da Unión Musical Ponteledesma. O libro xa está a venta, pero ¿vai haber presentación oficial, ou unha exposición desas instantáneas antigas?

-Unha exposición non, pero si que queremos facer algo durante o Entroido, visto o importante que é este evento na zona. Tamén queremos aproveitar para agradecerlle a José Luis Teófilo todo o apoio que nos brindou desde que nos embarcamos nesta iniciativa, ademais de todos os consellos que nos deu para poder desempeñar este traballo do mellor xeito posible.

Compartir el artículo

stats