Versos octosílabos, que rimen o segundo co cuarto, que teñan algún que outro toque de humor e, sobre todo, que estean improvisados por quen os recita. Poderíamos estar falando de rap, pero non, falamos da regueifa, dunha cantiga de orixe galego-portuguesa que tén outros parentes lonxanos noutras latitudes, como as iotas de picadillo en Aragón e os cantares de desafío en Brasil e Colombia.

O IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, é o primero centro educativo de Galicia que imparte como materia optativa 'Regueifa e improvisación oral en verso'. A intención desta asignatura é desenvolver habilitades comunicativas, competencias lingüísticas e musicais, pero tamén valores de xustiza social ou actitudes de creatividade social. A materia, ademais, é o resultado do Proxecto Regueifesta, que impulsan este centro educativo cruceño mailo IES Maximino Romero, de Baio, e que o ano pasado a Consellería de Educación recoñeceu como Proxecto de Innovación.

Segundo o curriculum desta materia, a improvisación oral en verso potencia o desenvolvemento das competencias persoais e de relación social, ademais de vincular ó alumnado co patrimonio cultural e potenciar as competencias lingüística e musical. Así, a regueifa contribúe a mellorar a autoconfianza e a autoestima, a actitude creativa e as competencias para xestionar a comunicación. A novidade desta materia é tal que xa espertou interese no norte de Europa. Un invetigador e docente do Departamento de Psicoloxía do Desenvolvemento da Facultade de Estudos da Educación e do Benestar da Universidade Abo Akademi, de Finlandia, Joam Evans, visita estes días o centro educativo para coñecer de primeira man os avances dos alumnos nesta técnica de improvisación oral. Hai que ter en conta que a regueifa, igual que o rap, pode axudar a xestionar conflictos de maneira non violenta.

O encontro con Joam Evans, hoxe a mediodía, non será a única actividade de difusión desta materia. Os 13 alumnos de segundo da ESO que cursan esta materia organizan mañá (18.30 horas) no bar Txapela, de Vila de Cruces, a I Festa de Repente: A regueifa sae á rúa! En total, esta nova asignatura impártese a 27 alumnos, moitos dos que xa viaxaron a Vigo, O Courel, País Vasco ou Santiago para demostrar ante o público as súas habilidades coa improvisación en verso.

A festa de mañá é aberta ó público, co ánimo de quen queira poñer a proba as súas dotes de improvisación poida facelo. A organización quere, tamén, que con este tipo de festas "a regueifa pase a ser algo habitual como xa o foi, e que pouco a pouco se organicen máis festas deste tipo", indican os alumnos responsables da cita nun comunicado, que agardan en que coa súa contribucións se lle devolva a regueifa a importancia que tivo antano en Galicia.