XAN SALGUEIRO | SILLEDA

A gastronomía tradicional e popular de Galicia terá unha das súas citas máis importantes do outono na I Festa Gastronómica do Porco de Silleda, que se celebrará os días 10 e 11 de decembro coa participación dos cociñeiros dos restaurantes máis importantes deste concello. Organizada pola Asociación de Festas de Silleda, por primeira vez en Galicia, a carne de porco terá unha festa de exhaltación na que se presentarán pratos preparados con todas as partes deste animal, que incluén embutidos, salazóns ou pezas cocidas que se presentarán en racións. Así, o fuciño, a lingua, o rabo, a pata, a orella, a panceta, a costela, o raxo, ou empanada de raxo; o lacón cocido; o xamón curado; o chourizo, a cacheira; ou as empanadas de chourizo e panceta; terán presenza acompañados das verzas e as patacas do país.

Para a celebración deste acontecemento gastronómico, a organización disporá de varios stands dentro de una carpa na vila de Silleda coa colaboracion dos restaurantes locais como A Moa, Casa a Culler, Carballeira do Chousiño, Coteliño, Esther, González, Maril, O Rubio, Os Toneles, Ricardo e Trujillo. Deste xeito, en cada un dos recintos os asistentes poderán gozar da carne do porco preparada de distintos xeitos e servida en racións.

O recinto abrirase o sábado 10 de decembro ás 12.30 horas, ata as 16.30 horas, e pola tarde, entre as 18.30 e as 23.00 horas. O domingo día 11 de decembro a I Festa Gastronómica do Porco de Silleda poderá visitarse entre as 12.30 e as 16.30 horas.

Paralelamente, a organización desta festa gastronómica ten previsto o desenvolvemento dun programa cultural que inclúe varias actuacións musicais. A festa será presentada o sábado polo actor e humorista Xóse Antonio Touriñán e tamén actuará o grupo folclórico Aires do Trasdeza. A tarde do sábado esará amenizada polo grupo de gaiteiros O Sin Son, e tamén actuará o conxunto musical Canela, con Javier Comesaña. O domingo 11, actuará a Banda Xuvenil de Silleda e terá lugar tamén unha mostra de folclore tradicional galego.

Colaboran na organización a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (Ecos), produtores de porcino de Silleda, a Asociación de Hostelería de Silleda (Ahostras), a Asociación Cultural o Lacón, as carnicerías de Silleda, a Fundación Semana Verde de Galicia e o Concello de Silleda.