Nas fértiles terras da Estrada -bañadas polo Ulla e ás que se referiu o poeta, narrador e membro da Real Academia Galega Salvador García-Bodaño no himno da Estrada que escribiu por encargo do seu amigo, o "médico dos pobres" Manuel Reimóndez Portela, cando era alcalde- teñen agromado fermosos froitos vencellados ao amor pola lingua galega. Nela naceron dous dos primeiros trobadores de Galicia. Os irmáns Pai e Pero Vello de Tabeirós destacaron durante o apoxeo do trobadorismo do galego-portugués, no século XIII. A eles se referiu García-Bodaño ao recibir onte o Premio San Martiño á normalización durante toda unha vida. É un "motivo máis" para sentirse "unido á Estrada", terra da que enxalza a súa "fermosura natural" e a súa condición de berce de galeguistas. Tamén lle unen a ela "amigos" e o nomeamento de socio co que o honrou a asociación galega más antiga do mundo, a Asociación de Fillos da Estrada na Habana.

Onte, unha vez máis, A Estrada volvía a distinguilo cun galardón moi prezado, o da normalización lingüística, que a asociación cultural O Brado outorga dende hai 26 anos. Nun acto presidido polo alcalde José López e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi premiado na modalidade de A Estrada e comarca un párroco moi querido: o titular de San Xiao e Baloira dende 1963, Jesús Mayo Brenlla. Arroupado por sacerdotes, recibiu un premio que, modesto, quixo compartir coa xuventude das súas parroquias que traballou arreo polo desenvolvemento cultural e económico da zona entre 1965 e 1976. Con ela organizou excursións e ata unha concentración de 9.000 xóvenes. Aproveitaron as axudas da Extensión Agraria e o Iryda para darlle un decidido pulo ó desenvolvemento agrario. E, nun momento no que "non tiñamos medios", recordou en plena dictadura, levaron a cabo unha defensa da lingua e das liberdades tan revolucionaria como las liñas mestras do Concilio Vaticano II que seguía.

Tamén os tres representantes de Viravolta Títeres que onte recibiron o premio San Martiño de normalización en Galicia Enteira -Anxo García, Pilar Álvarez e Julio Balado- demostraron ter a humildade dos grandes. Sen "baixar ainda da sorpresa" polo galardón, subliñaron que fan o seu traballo "con normalidade". Por iso, entenden que o premio "non é para nós senón para todas as compañías de títeres", que sempre apostaron polo galego, como o histórico Barriga Verde ou os actuais titiriteiros.