O xurado da quinta edición do certame "Cores con Palabras" -organizado pola Asociación Galega das Artes contando coa colaboración do Concello da Estrada e da Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Cultura- outorgou onte o primeiro premio da modalidade de pintura a Cristina Carou Mayo, veciña de Noia, pola súa obra "Flores", un óleo realista no que destaca non só a súa orixinalidade senón tamén a súa chamativa combinación de grises con brancos.

Xosé Manuel Liste Reimóndez (Teo) acadou o segundo premio coa obra "Cego con zanfoña". Confeccionado con técnica mixta -mestura óleo e acrílico- é unha composición cubista que cromaticamente ten moita forza. Vermellos, verdes, azuis e laranxas logran un resultado impactante.

Pola súa banda, Manuel Araújo Friz (Ourense) conseguiu o terceiro premio coa obra "2x1=3", que simula ser dous cadros nun: o máis grande, de tipo abstracto, amosa unha fiestra pola que é posible divisar unha paisaxe costeira realista, con barquiños.

O accésit outorgado pola votación do público distinguiu a Marilia Villarino Rodríguez-Rey (Pontevedra) pola peza "As costumes", unha obra moi realista que retrata unha antiga tenda de ultramarinos.

Xa na categoría poética, resultaron premiadas María Teresa Llovet, polo traballo "Rapsodia dun fado"; Lea Rodríguez, por "As Cores" e Candela Neira, polo poema "A Pintura".

Estes sete premiados foron os mellores entre un total de 165 traballos de artistas de distintos puntos de Galicia. A calidade das pezas presentadas púxollo moi difícil ao xurado, formado polos artistas estradenses Miguel Docampo, Ramiro Cimadevila, Puri Togariños e Manuel Ángel López Chicharro (Maan-Loch) así como pola poetisa Rosalía Morlán e o edil de Cultura da Estrada, Juan Constenla. Este e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron onte na entrega das placas e das esculturas conmemorativas aos premiados.