O gato con botas conta esta semana como convidado cun dos pintores galegos máis emblemáticos dos anos 80, Antón Lamazares. O artista amosaranos o seu lado máis íntimo da man de Manuel Manquiña hoxe, xoves, ás 23:30 horas na Televisión de Galicia (TVG). Na reportaxe intervén tamén como amigo e apaixonado da súa obra o deseñador Florentino Cacheda.

Ao longo do programa, Lamazares fará un percorrido ao longo da súa traxectoria profesional e persoal. É unha viaxe con el ata a súa infancia en Maceira (Lalín) e a súa mocidade para coñecer de primeira man como chegou a se converter nun dos pintores clave dentro da pintura contemporánea española. Ademais contará que o levou a viaxar a Madrid, Nova York, París ou Berlín aglutinando una ampla repercusión internacional aínda que a pesar das súas estancias no estranxeiro se considere, por riba de todo, un galego. A través do repaso pola súa infancia en Lalín, as súas primeiras lecturas, o paso polo convento franciscano de Herbón, os artistas que máis lle influíron na súa carreira, o espectador descubrirá a este artista de formación autodidacta enigmático e intrigante ao que lle apaixona a poesía e xogar ao futbolín.

O gato con botas é o encargado de coñecer a vida detrás das cámaras dos convidados. Manuel Manquiña sempre vai acompañado da súa inseparable libreta dividida en dúas partes: unha longa listaxe de invitados a que el recurre para buscar ese convidado que vai respostar ás súas inquedanzas e outra parte na que apuntará, ao final do programa, ás súas reflexións e aprendizaxe despois da entrevista.