O Casino acolle mañá venres, ás nove da noite, a presentación de Acta de vítimas, nun acto aberto ao público no que Victorino Gutiérrez Aller asinará exemplares desta novela ambientada no Lalín de finais dos anos corenta. Alfonso Ribas, director da editorial Laiovento, o escritor David Otero e o historiador Manuel Igrexas participarán na posta de longo literaria do xurista e exnotario, que ata o de agora, e á marxe dalgúns relatos breves, centrara súa produción escrita no ámbito do Dereito.

-Vostede ten escrito varios textos xurídicos, pero agora aparece esta obra narrativa, ¿cómo xurdiu a idea?

-Empecei a escribir a novela despois de xubilarme, a idea tíñaa na cabeza xa de antes pero mentres estiven traballando na notaría só puiden esbozala. Ao xubilarme, empecei a ter máis tempo libre e dediqueime de cheo... Estiven varios anos dándolle voltas, e hai un ano e medio aproximadamente que a rematei.

-¿Que quixo contar nesta novela?

-Conto un episodio inspirado, ata certo punto, nun fondo de realidade, iso si, con algúns cambios e bastantes licenzas, pero que serve sobre todo para reflectir cómo era a vida en Lalín naquela época, Lalín tal como era.

Acta de vítimas parte dunha manobra dos poderes fácticos para arrebatarlle unha casa señorial aos herdeiros dun senlleiro republicano. O protagonista é un avogado chamado Román Ulloa, que tenta facer equilibrios entre a necesidade de adaptarse ao contexto hostil do franquismo e o desexo de manter a dignidade. Gutiérrez Aller aclara que o personaxe non é o seu pai (chamado tamén Román, e que era procurador), aínda que recoñece que en parte si utilizou o seu perfil para compoñer o personaxe, como tamén outros caracteres da novela están inspirados nas xentes do Lalín da posguerra, que perviven na súa memoria.

-Había de todo, claro, houbo quen se aproveitou das circunstancias para medrar sen escrúpulos? Pero digamos que o noventa por cento da xente en Lalín tiña medo. Vivíase co medo enriba.

-Precisamente hai un personaxe na novela que, nun momento dado, xustifícase dicindo: "Hai que estar da parte dos que mandan". Unha frase terrible...

-É que era así... Foi un período que lle fixo moito dano a moitísima xente, excelentes persoas que o pasaron moi mal. Sobre todo desde que veu a brigadilla. Por calquera cousa metíano a un no cárcere. Era un mundo moi violento, a impunidade era total.

-Á marxe do medo ambiental, a novela tamén recolle o día a día en Lalín naquela época: o casino, as tabernas, o peso da relixión...

-Tamén no eido da relixión había de todo. Na novela aparece unha conversa entre un crego novo e outro vello, que dalgún xeito recolle as distintas actitudes que adoptaban os curas sobre determinadas cousas... Uns eran máis tolerantes, outros máis severos e dogmáticos.

-Un deses curas de Lalín era Ramón Aller, tío seu, que aparece citado na novela...

-Realmente non chega a aparecer como personaxe en si, pero faise referencia a el nun episodio que, creo eu, recolle ben o seu carácter, a raíz da negativa doutros curas a darlle sepultura cristiá a un suicida. Eu coñecín ben ao meu tío, desde que sendo rapaz o axudaba na misa ata que me axudou el a min na miña etapa de estudante, convivín moito con el. Era un home moi relixioso, pero flexible. Daquela o catolicismo era proclive a "condenar" aos que viviran ou morreran en determinada maneira... Falo do suicidio, por exemplo. E Ramón, aínda respetando a Igrexa, tiña tamén criterio propio e dicía que non se lle podía negar enterro cristián a ninguén, fixera o que fixera. Nada de condenar a ninguén. Hoxe pode parecer pouca cousa, pero daquela era un problema... Claro que Ramón nunca ocupou cargo ningún na Igrexa... Aínda que o tiña todo para ascender, el preferiu dedicarse a dar misa e nada máis.

-A Ramón Aller noméano nun episodio, e o mesmo pasa con outros moitos lalinenses da época... Na novela ábrense incisos para contar anécdotas e extractos de xentes en moitos casos reais, non?

-Cambiei algúns nomes pero si, quixen que pasaran polas páxinas persoas do Lalín que eu coñecín, porque creo que a paisaxe humana era moi rica. Opino sinceramente que a xente, para o bo e para o malo, era daquela máis variopinta, con máis individualidade, non no sentido de diferenzarse porque si, senón no sentido de que había fortes personalidades, ás veces con moita graza intrínseca ademais. Hoxe a xente é mais homoxénea, aínda que iso teña tamén as súas vantaxes, claro. Pero co estándar perdeuse algo, perdeuse... autenticidade.

-Os diálogos marcan tamén aos personaxes...

-Están escritos nun galego coloquial, o que falaba daquela a xente da aldea e parte da clase media. E, aínda que galego non estaba ben visto socialmente, existía unha certa clase alta que si utilizaba o galego.

-Fóra dos diálogos, a narrativa é sinxela...

-Como lector gústame a novela con linguaxe directa. Os recursos literarios como os monólogos interiores ou a estrutura acronólixa non os desprezo, téñense escrito así magníficas obras... Pero eu son notario, e en certa maneira escribo como unha acta: verbos en tempo presente, feitos, descricións? Literatura notarial, poderiamos dicir.