Edicións Fervenza organiza mañá unha homenaxe ao escritor Olimpio Arca Caldas en Cuntis. Será mediante a presentación do libro Homenaxe a Olimpio Arca Caldas, peza publicada por esta editorial contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e os concellos da Estrada e Cuntis, onde Arca Caldas foi nomeado Fillo Predilecto.

A publicación está composta por distintos textos, poemas e ilustracións froito da colaboración de preto de 60 persoas que rememoran as súas vivencias e a pegada que Olimpio Arca Caldas, falecido en 2014, deixou neles. No libro tamén se recollen imaxes da vida do mestre e escritor.

No acto intervirán o coordinador da Fundación Terra Termarum, Mario Touceda; o escritor e ilustrador Héitor Picallo; o profesor e escritor estradense Carlos Loureiro; o académico numerario da Real Academia Galega (RAG) Francisco Fernández Rei; a filla de Don Olimpio, Susi Arca; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. Durante o evento haberá un recitado de poemas. Antes de presentalo libro prantarase unha árbore no Castro Castrolandín.