Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En Río non queda nin o polbo

A feira celebrada na parroquia rodeirense o día 15 de cada mes estivo onte por primeira vez na súa historia sen un posto

Vista do recinto feiral de Río no día de onte.

As feiras foron un tempo o motor económico de Galicia. Un lugar onde prosperaban as ventas, se realizaban os máis importantes acordos mentres se degustaba a mellor das gastronomías grazas aos productos máis frescos. As feiras foron,e son en moitos lugares, un local comercial intermitente pero con data sinalada, que potencia a economía do lugar. A pesar disto, a industrialización, o envellecemento da poboación e a partida cara ás cidades levaron a despoboación do rural e con el, a desaparición destes encontros comerciais.

O último dos perxudicados foi a feira de Río, celebrada dende hai máis de cen anos os día 15 de cada mes, pero onte, por primeira vez na súa historia, segundo apuntan os veciños, non houbo ningún posto, nin tan sequera o habitual polbeiro. O peche dun establecemente hosteleiro do lugar por xubilación levou a que o vendedor se trasladase ao casco urbano rodeirense e deixase Río, como xa o fixeran antes os postos de venta de alimentos autóctonos ou de gando. O lugar feiral da parroquia queda, polo tanto, completamente baleiro, co perigo de que non se poida volver recuperar un encontro que estivo equiparado ao que se celebraba en Rodeiro os días 28.

Ante tal acontecemento, o alcalde rodeirense Luis López mostrou a súa pena de que un encontro que levase tantos anos ficase baleiro. López non ve actuación posible por parte de goberno, senón que considera que "teremos que esperar se alguén se aventura a recuperar o establecemento que pechou". Subliña que "collelo soamente un día non creo que sexa factible para ninguén". De todas formas, o mandatario recorda que a feira levaba xa tempo sen albergar outro posto que non fose o polbeiro, pero incide que "moitos eran os que iban alí a comer o día 15". Así mesmo, considera que a pesar de que a feira quedase sen postos, confía en que a Festa da Fartura celebrada no verán siga coa súa boa sintonía.

Pola súa parte, Alberte Lamazares, membro da asociación de veciños da parroquia de Río, tamén lamenta a situación e culpa en todo caso ao goberno por "non dinamizar o medio rural, algo que o PP ten tan abandonado", destaca. Neste aspecto Lamazares cree que "é por este tipo de cousas que o Concello de Rodeiro é dos máis pobres da provincia, posto que o executivo non busca novas dinámicas, e esta é unha alternativa no rural". O tamén edil nacionalista asegura que "estamos vendo cómo xente de Rodeiro prospera en negocios pero fóra do municipio, temos o exemplo de Kalekoi, rodeirenses coa empresa en Lalín, que van ser premiados pola Asociación de Empresarios do Deza". Lamazares sí cree na rentabilidade económica que proporciona a feira no lugar, pero non se mostra moi confiado de que nun futuro se poida recuperar: "Agora o día 15 será coma o 7, é dicir, un día calquera", apunta.

Compartir el artículo

stats