Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Xesús Pato Díaz: "A gloria de escribir en galego leva aparellada a carga de que nunca se ven as cousas feitas"

"A Academia Galega sabe que se ten que abrir á sociedade se quere sobrevivir"

Chus Pato é membro da Real Academia Galega. // Bernabé/Javier Lalín

A súa poesía está considerada como unha das máis modernas e persoais da literatura actual. A transgresión na súa lírica supera a convención formal. A súa poética, marcada por un posicionamento crítico co seu tempo, expandiu o horizonte da literatura galega e colocouna na vangarda do pensamento contemporáneo. O pleno da Real Academia Galega elixiu académica numeraria á poeta ourensana afincada en Lalín, María Xesús Pato Díaz, máis coñecida como Chus Pato. A súa candidatura foi oficializada para ocupar a vacante de Xosé Fernández Ferreiro, que faleceu o pasado 16 de decembro.

-Como recibiu o nomeamento de académica da Galega?

-Xa sabía que ía ser así dende hai tempo porque creo que foi en maio cando se presentou a candidatura, e esta era a única que había. Era visto que ía ser así, non?

-Que significa para vostede a elección a nivel persoal?

-Significa un compromiso moi fondo no sentido de que este compromiso existe dende o momento en que decidín escribir en galego. Trátase dun compromiso con todo o que significa a língua galega. É unha historia que non é precisamente a historia que se conta desde a opción triunfante, senón que vai vencellada á emigración, ao exilio e á loita pola supervivencia do que son a maior parte das persoas que viven e viviron en Galicia. Ese compromiso ás veces non é moi acaído de levar, hai momentos en que unha se farta moito e ten ganas de ceibarse porque representa unha carga nalgúns momentos. A gloria de escribir en galego leva aparellada a carga de que nunca se ven as cousas feitas. Todo o que fas parece que se esboroa pola noite e tes que escomenzar ao día seguinte. Ás veces, unha ten ganas de desfacerse de todo isto e de saír dese compromiso. O feito desta honra de formar parte da Academia Galega leva consigo unha menor posibilidade de fuga do compromiso mentres afondas nel.

-En que se vai notar a súa presenza na institución académica?

-É algo que descoñezo porque eu non sei como se funciona na academia. O primeiro que teño que facer é aprender, aprender os estatutos e teño que aprender como é a academia por dentro, observar, mirar, aprender... En función de todo isto saberei que podo facer. Eu entro aí pola miña obra, e son unha persoa que trata de escribir poesía e se supón que o meu campo de traballo será a poesía. A miña intención é comezar por aí.

-Para cando unha Academia Galega máis coñecida por todos?

-As institucións como a Academia Galega teñen unha historia que parte do século XIX e supoño que son unhas institucións que tenden á inmobilidade, como é normal nelas, e que lles custa esta apertura democrática, por así dicilo. Cústalles adaptarse ao que é a democracia porque elas non teñen como basamento a elección ou a votación. Eu penso que a Academia Galega sabe que se ten que abrir á sociedade. O feito de que exista unha páxina web que realmente funciona, non é un cadáver na pantalla, forma parte dese esforzo. Se quere sobrevivir, igual que todas, o camiño é a apertura e aceptación de que, malia non obedecer a criterios estrictamente democráticos, vive nunha sociedad democrática.

-Vai mudar moito a súa vida o feito de ser académica?

-Por suposto que seguirei dando clase porque na academia non se cobra. Teño que currar igual que todos os seres que andamos por aquí. Quédame pouco para xubilarme e supoño que cando chegue esa xubilación tamén podería estar máis na academia. En principio, a miña vida non se vai ver moi trastornada polo feito do nomeamento. Penso que á academia hai que ir a unhas reunións convocadas alí. Evidentemente, ten que ser algo compatible co meu traballo no ensino. Alí coñezo a algúns dos meus novos compañeiros. Hai dúas persoas que me deron clase na facultade, Barreiro e Villares, é iso vai ser moi bonito de vivir e faime ilusión entrar na academia e poder estar con eles.

Compartir el artículo

stats