Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Romeiros do Alén, xente boa e xenerosa (e II)

Crónica da XXXIX Romaxe de Irimia no monte do Seixo

Dous momentos da romaría no Seixo.

"Nós somos a bieita representación do pobo galego, dun pobo alerta, dun pobo en pé, dun pobo revoltado, dun pobo revirado contra o vendaval da adversidade. Nós somos a antítese do silencio e da inacción. Nós somos o antípoda da mansedume e da derrota..." E A Quenlla deunos a réplica interpretando "Abril de lume e ferro", letra da autoría de Manuel María: "É xa tempo de erguer a liberdade, de saír deste noxo e deste abismo...".

Non houbo oportunidade para o relaxamento, fíxose lembranza dos mártires de Carral, fíxose lembranza dos mártires pola República, e Mini d'A Quenlla rachou a néboa galgante co seu "Aquí", cantata refulxente: "Imos estando por aquí, levamos séculos aquí, neste sen norte. Con esta fala e este ser, con este eterno escurecer, con esta noite...".

Berráronse catro verdades que non cabían no peito: "Os presentes rememoramos, conmemoramos e reivindicamos o rexurdimento da Galiza aldeá, da Galiza comunal e solidaria, da Galiza pacifista e libertaria. Denunciamos o despoboamento. Clamamos polo aproveitamento racional e sustentábel dos nosos recursos naturais, pola auxe dos sectores produtivos de noso. Demandamos a transformación dos concellos rurais, rechumidos pola vampiraxe caciquil, en motores de progreso e resortes de esperanza..."

Explicouse, pois viña a conto, a profecía do mítico Tecelán de Carballás, o vello vedoiro que vaticinara xacando a ruína daquel territorio: "Enxergade as aldeas e lugares de ao pé da montaña. Tras o espellismo verdecente da calma e da amenidade, agóchase un mal terríbel, esténdese unha doenza asoballadora, alanca sen atallo o cancro do abandono, do despoboamento, do éxodo sen retorno...". E denunciáronse os desmandos (cometidos ou por cometer) do parque eólico, da minaría do coltán, do AVE asoballador, da eucaliptización, dos lumes forestais, da Celulosa e do fusionismo caciquil. "Non somos unha colonia!!". A canción "Uah!" de Suso Vaamonde e o poema "As ratas" de Luís Seoane fixeron bo compango: "E que vaian pró carallo os ladróns da nosa Terra!"...

"Non estamos sós, unha cultura milenaria guía a nosa angueira. A nosa cultura é un saboroso pan de molete cocido durante séculos no forno do sentimento...". A celebración acadou un momento climácico cando, arremedando a Santa Compaña enxeñada por Castelao para o seu "Alba de gloria", rendémoslles homenaxe ás mulleres e aos homes que, dende a comarca, loitaron en prol da nosa liberdade, en prol do feito diferencial da galeguidade. Membros do colectivo Capitán Gosende, perfectamente caracterizados, déronlles vida ao Padre Sarmento, á mendiga Lucía Domínguez (interpretouse o "Romance da lavandeira"), ao capitán Xoán de Gosende, aos heroes das Alarmas de Montes e do Canón de Pau chefiados por Rosiña de Pedre, aos mestres canteiros de Montes e Cotobade (Petrus Petri, Pedro de Monteagudo, Pedro de Arén, María de Carballás a Lista, Ignacio e Xosé Cerviño...), aos homes de letras e ciencias (Xosé Otero Espasandín e Antón Fraguas), aos cregos galeguistas (Rodríguez Fraiz e Espiña Gamallo)... Así eran nomeados, así se enumeraban os seus méritos, así desfilaban perante a concorrencia, o pobo berraba: "Xente boa e xenerosa!!". A Quenlla pechou este treito tocando "Como hei vivir mañá sen a luz túa?", versos do poeta Bernardino Graña.

A parte litúrxica, vinda a continuación, dedicouse á honra e enxalzamento do crego galeguista e egrexio irimego Xosé Chao Rego, recentemente falecido.

Compartiuse fraternalmente o pan e o viño, apelouse á resistencia do pobo galego lembrando a lenda da santa Mariña do Seixo, "a moza que preferiu ser decapitada polo conquistador romano, antes que traizoar os seus ideais". Acordamos facer fronte común contra a desesperanza: "Énchesenos o peito, pois non hai Terra como a nosa. É sacrilexio ficar calados. Non nos imos deixar poñer o bozo, non nos van cinguir a mordaza. Mentres non perdamos a cabeza, mentres se manteña enriba dos nosos ombreiros, sempre haberá quen cante as nosas glorias e as nosas desventuras". Cantouse, non podía ser doutro xeito, "O Carro" (letra de Manuel María).

Segundo o convindo, os vinte caracterizados abandonaron o pé do escenario e, por parellas, formando un pasadeiro coas mans entrelazadas, ergueron unha Portalén humana: "Sabemos, pois, quen somos, de onde vimos, onde estamos e cara onde queremos dirixir os nosos pasos. Para a viaxe que nos agarda, cómprenos encher o fardel da alma con folgos anovados. Viaxamos cara ao Alén; somos hoxe romeiros do Alén e, consonte a tradición celta, atravesar a porta do Outro Mundo, percibir, aínda que sexa por un intre, os prodixios do Paraíso, depararanos afouteza e sabedoría...".

A Quenlla debullou unha interminábel "Rumboia". A ritmo, centos e centos de romeiros atravesaron a arcada tecida de brazos e mans. Un a un atinxiron o cabo ao berro de "Eu renazo galego!", depositando cadanseu coio nun curriño preparado para a ocasión. Minutos despois, ao pé do campo da festa da Santa Mariña, erguíase feituco o "milladoiro dos irimegos".

O carrusel das emocións deparounos, a seguir, o episodio do "berro seco", arelas luminosas para o futuro do país. Mero d'A Quenlla arrincounos do peito unha restra de urros esconxuradores, amplificados pola presenza no palco de Amalia Bóveda e mais o seu fillo Valentín. A intervención de Amalia Bóveda, filla de Aleixandre Bóveda, asasinado polo fascismo, fixo agromar as bágoas nos ollos dos presentes ("Non enterraron cadáveres, enterraron semente", Castelao dixit).

Eran as tres da tarde, o acto chegaba á súa fin. Membros de Capitán Gosende fixeron entrega do "ramo" (un cesto de produtos da terra e unha mañiza de flores) aos representantes da asociación que, o vindeiro ano, se encargará de organizar a cuadraxésima edición da Romaxe de Irimia. Será en Beade (Vigo). Moita sorte e corenta edicións máis!!

Puxémonos novamente en pé e, solemnes, cantamos o himno do Antigo Reino da Galiza: "Fronte ao mar, reverdece o eido de meus pais...". O cantautor guardés Tino Baz sumouse aos musicos d'A Quenlla para relustrar o momento.

Abandonamos o escenario e gorecémonos baixo a carpa d'O Meu Lar. Comemos polbo á feira, tortillas e empanadas a fartar. Bebemos con moderación viño e licores. Recuncamos no café de pota. Acompañamos nos cantares aos festeiros e inesgotábeis Trubincos do Batán (Moitas grazas, Conchi, Paco, Luz, Toño, Manolo, João...). Recibimos agracedidos os parabéns e as agarimosas apertas daquela nutrida e entusiasta parroquia. Moitas grazas, Josecho de la Torre. Se puidésemos empadroalos todos en Cerdedo, axiña veriamos a luz ao final do túnel.

Entre as 12 e as 16 horas do sábado 10 de setembro, congregáronse na Santa Mariña do Seixo unhas 2.000 persoas. Compárese coas cifras doutros festivais celebrados en Cerdedo e patrocinados polo Concello. Á tardiña principiaron as tarefas de recollida. Ao pouco, na Santa Mariña, volvía reinar o silencio pulcro. Os de Capitán Gosende rematamos a xornada na soleira de Portalén, agradecéndolles aos devanceiros que todo ocorrese sen grandes contratempos.

Repercusión: Óese por Cerdedo que van declarar persoas "non gratas" aos de Capitán Gosende. Vindo de quen vén, agardamos con entusiasmo prender tal condecoración na lapela dos nosos chalecos. Eu renazo galego!!

Compartir el artículo

stats