Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Golpe de Estado e represión en Cerdedo (e II)

Membros de entidades agrarias, obreiras e políticas, autoridades da corporación e soldados republicanos foron obxectivos prioritarios

O golpe de Estado liderado por Franco fracasa, porén, a teimosía dos fascistas conduce España a unha guerra longa, crúa e sanguenta. Membros de Falange, dos paramilitares da "Guardia Cívica" (ao mando de Vítor Lis Quibén) e da Garda Civil toman parte nos episodios de represión vividos en Cerdedo. A dereita magnificou a oposición dos republicanos cerdedenses que, sexa como for, amparábase na lexitimidade.

Velaquí os obxectivos prioritarios dos pistoleiros franquistas:os dirixentes das sociedades agrarias e obreiras, os cerdedenses que se mobilizaron nas fileiras do exército republicano, integrantes das devanditas sociedades, as autoridades da Corporación municipal republican e s membros destacados das agrupacións políticas locais de ideoloxía republicana e socialista.

Principia o terror. O novo cuartel da Garda Civil, obra impulsada pola dereita no ano 35, e o depósito municipal énchense cos representantes da esquerda local: Francisco Arca Valiñas, Secundino Bugallo Iglesias, Severino Bugallo Valiñas, Francisco Varela Buela, Carme Camiña, Manuel Garrido, Xosé Torres Paz, Xosé Cortizo González, Xerardo Bugallo Lois, Dionisio Fraíz Cota, Manuel Gamallo Lois, Xosé María Lavandeira Durán, Aniceto Ovelleiro Cadavide, Xosé "o Rada", Ramiro Lois Ventín, Perfecto Ventín Barreiro, Manuel Ventín Rivas, Olegario Ventín Rivas, Erundino Ventín Rivas...

Os montes e escondedoiros atéiganse de fuxidos: Luciano García Ventín (o alcalde accidental), Francisco Varela Garrido (o secretario), Sabino Bugallo Valiñas, Benigno Simal Penelas, Martiño Ferreiro Álvarez, Antonio Ferreiro Álvarez, Avelino Alonso Rivas, David Paz Cachafeiro, Xesús Bugallo Merza, Guillerme Fortes, Xosé Fortes, Avelino Fraga Alonso, Xosé Carballo Quintillán, Fernando Gandós, Raimundo García Beiro, Casiano Lois Soto, Manuel Nieto Castro, Francisco Ovelleiro, Xervasio Penelas, Xosé Simal Figueroa, Manuel Sueiro Iglesias...

Non sabemos ren da sorte corrida polo alcalde Antonio Sueiro Cadavide naquelas datas, xa que non figura nas listaxes que se manexan de detidos ou fuxidos. Non obstante, o seu fillo Camilo será mobilizado á forza no bando franquista. Camilo Sueiro acabaría desertando, conseguiu fuxir e permaneceu moitos anos no estranxeiro. Luciano García Ventín, tenente de alcalde, foi detido en febreiro do 37, padecendo reclusión en Pontevedra. Unha vez liberado, foi vítima da asañada represión. Martiño Ferreiro Álvarez, tras unha heroica peripecia, pereceu no campo de exterminio nazi de Mauthausen en 1941.

Corre o sangue. A noite do martes 11 de agosto de 1936, unha partida de falanxistas de Cerdedo e Soutelo trasladan e asasinan na estrada de Pontevedra a Santiago (lugar de Alba) a Xosé Cortizo González (carpinteiro, veciño de Barro de Arén, militante do PSOE) e a Xosé Torres Paz (43 ou 45 anos, carpinteiro, veciño de Cerdedo, presidente local do PSOE, oficial do Concello, histórico concelleiro e dirixente da Sociedade de Agricultores). Torres Paz foi procesado en causa militar despois do seu pasamento. Deron por morto a Manuel Garrido "o Negro" (veciño de Fondós, canteiro, militante do PSOE) que, recibindo no peito unha descarga non mortal, simulou estar morto, salvando a vida de xeito prodixioso e gañando o sobrealcume de "o Resucitado". Sandou das feridas e mantívose agochado nunha toqueira da súa casa. Malia recibir malleiras decote, a súa muller calou o seu paradoiro. Delatado, finalmente, por unha veciña, padeceu presidio.

Recén nomeado gobernador civil de Pontevedra, o degoirado tenente coronel da Garda Civil Ricardo Macarrón Piúdo demanda insaciábel "mucha chicha". De resultas, a noite do xoves 13 de agosto de 1936, unha recua de falanxistas de Cerdedo torturan e asasinan a Francisco Arca Valiñas, alias "Brillante" (53 anos de idade) e a Secundino Bugallo Iglesias, alias "o Cambo" ou "Camba de Figueiroa" (50 anos de idade) na revolta da Ponte do Barco (Pedre). Ambos os dous eran veciños de Figueiroa, canteiros, tratantes de gando e dirixentes da Sociedade de Agricultores "El Trabajo" (CNT). Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias eran, así mesmo, dirixentes de Izquierda Republicana de Cerdedo. Secundino Bugallo foi sometido, despois de morto, a consello de guerra. A súa casa foi espoliada.

Xesús Bugallo Merza e Benigno Simal Penelas (Sociedade "El Trabajo"), que figuraban canda os anteriores nas listas negras, lograron fuxir, achando refuxio en Arxentina.

Xerardo Bugallo Lois (S. A. "El Trabajo"), fillo de Secundino Bugallo, foi detido canda o seu pai o funesto día 12. Salvado in extremis por Avelino Sánchez, cabo da Garda Civil de Cerdedo, foi mobilizado á forza no bando franquista. Ao rematar a guerra e xa de retorno ao fogar, Xerardo foi identificado en León por un dos falanxistas implicados no asasinato do seu pai. O criminal, cunha frialdade e cobardía arrepiantes, non dubidou en quitarlle a vida polas costas.

O cura de Figueiroa, Manuel López Vizcaino, impediu que se lles dese sepultura na parroquia aos corpos de Francisco Arca e Secundino Bugallo. Grazas ao cura Xosé Paramá, os cadáveres foron inhumados no camposanto da parroquia de Pedre. Tempo despois, as familias dos asasinados trasladaron as cinzas con discreción a Figueiroa. As lápidas de Francisco e Secundino aínda se conservan no cemiterio de Pedre.

O historiador Dionísio Pereira (2006) engade os seguintes nomes á macabra listaxe de cerdedenses asasinados entre 1936 e 1941:

- Perfecto Ventín Barreiro (Tres Aldeas-Quireza; obreiro; PSOE-UGT). Fusilado na canteira do Suspiro (O Padornelo-Lubián-Zamora) a finais de decembro de 1936. Os seus restos permanecen nunha foxa común.

- Manuel Ventín Rivas (Tres Aldeas-Quireza; obreiro; PSOE-UGT). Sobriño de Perfecto. Fusilado en Zamora a finais de decembro de 1936. Os seus restos permanecen nunha foxa común.

- Olegario Ventín Rivas (Tres Aldeas-Quireza; obreiro; PSOE-UGT). Sobriño de Perfecto. Fusilado en Zamora a finais de decembro de 1936. Os seus restos permanecen nunha foxa común.

- Erundino Ventín Rivas (Tres Aldeas-Quireza; obreiro; PSOE-UGT). Sobriño de Perfecto. Fusilado en Zamora a finais de decembro de 1936. Os seus restos permanecen nunha foxa común.

- Ramiro Lois Ventín (Piñeiro-Quireza; obreiro). Sobriño de Luciano García Ventín e curmán dos anteriores. Fusilado en Zamora a finais de decembro de 1936. Os seus restos permanecen nunha foxa común.

- Benxamín Troitiño Beiro (¿?; canteiro; CNT). Fusilado en Santiago o 4 de xuño de 1937.

- Francisco Varela Garrido "Pancho" (Cerdedo; secretario do Concello; Izquierda Republicana). Fusilado no arrabalde de Pontevedra o 27 de xullo de 1937.

- Herminio Gaiteiro Nogueira (Parada; canteiro; PSOE -UGT). Fusilado en Xixón o 15 de febreiro de 1938.

- Xosé Paz Cachafeiro (Cerdedo; correspondente de prensa; CNT). Fusilado en Oviedo o 30 de maio de 1938.

- Euloxio Mosquera Vázquez (Limeres-Cerdedo). Morto no penal de Burgos arredor do ano 1939.

- Xosé Plata Prieto (veciño de Laxoso-Quireza; exército republicano). Fusilado no ano 1939.

- Manuel Tato Cadórniga (Loureiro-Figueiroa; tenente do exército republicano; CNT). Morto no penal de Lugo o 27 de febreiro de 1940.

- Darío Tato Fernández (Loureiro-Figueiroa; exército republicano; CNT). Detido en Cerdedo e asasinado nun penal de Madrid en 1940.

- Martiño Ferreiro Álvarez (Quireza; concelleiro de Obras do concello da Coruña; Izquierda Republicana). Falecido no campo de exterminio nazi de Mauthausen (Austria) o 23 de novembro de 1941.

Nos anos 30, en Cerdedo non se contendeu pola supremacía ideolóxica, en Cerdedo non se lidou a sangue pola primacía duns ideais; a dereita cerdedense, arrogándose un moralismo farisaico, perseguiu e matou polo restablecemento da súa "orde", pola perpetuación dun status de privilexio, polo gozo exclusivo da regalía do poder, pola repartición inicua e vantaxosa da miseria.

En xullo de 1936, os "eternos caciques" (Gómez Tato dixit) recuperaron a preponderancia e o dominio pola forza das armas e a alborada republicana veu sucedida de oito decenios de decadencia revestida de ouropel. Cerdedo instituírase como concello cen anos antes, no 1836. Considerando a fusión terminalista argallada nestes tempos, a vaquiña duroulles aos caciques 180 anos (e vaia o leite que deu!).

É moito hora de borrar das rúas de Cerdedo a infamia do franquismo. É moito hora de encomiar coa lembranza a quen verdadeiramente o merece. Por decencia, urxe devolverlles o creto ás vítimas, chimpar da peaña os vitimarios e cauterizar de vez as vellas feridas aínda supurantes. Recoñezamos a valía dos cerdedenses que lles plantaron batalla ao atraso social, ao analfabetismo, á oligarquía propietaria, ao integrismo político e relixioso... A dereita cerdedense, fidel aos seus principios, séguelles escamoteando o eloxio aos demócratas republicanos, mais prodigouse no enaltecemento dos que intrigaron contra a democracia. Non esquecemos.

Compartir el artículo

stats