O legado do escritor cruceño Xosé Neira Vilas continúa como certame literario. A fundación que leva o seu nome presentou onte na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta dirixida a nenos ou adolescentes. A finalidade do concurso é a de estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionarlle a nenos adolescentes e público en xeral obras de calidade que lles permitan achegarse ao mundo da novela.

O presidente da Fundación Neira Vilas, Luís Reimóndez; a secretaria da asociación, Rosalía Morlán e o membro do padroado Juan Andrés castro deron a coñocer o premio literiario que se alternará con outro do mesmo carácter pero de contos, polo tanto aínda que no presente ano se celebre o certame de novela curta, no seguinte tocaralle o turno ao Premio Xosé Neira Vilas de conto, tamén dirixidos a nenos ou adolescentes. O galardón que se celebrará no presente ano terá unha dotación económica de 1.000 euros, e ademais levaráse a cabo a publicación da obra premiada. O día da entrega do premio concorda coa data de nacemento do escritor finado o ano pasado. Polo tanto a gratificación será entregada o día 3 de novembro do presente ano.

En canto as bases do certame, no concurso poderá participar todas as persoas que o desexen, con textos inéditos escritos en lingua galega destinados a nenos ou adolescentes. Débense enviar tres exemplares dos traballos á sede Fundación Xosé Neira Vilas:36587 Gres, Vila de Cruces (Pontevedra). Os traballos deben ter un mínimo de 50 páxinas e un máximo de 150, mecanogrfados preferentemente en letra Times New Roman, con corpo 12 e dobre espazo. O prazo de admisió de orixinais pecharase o 17 de outubro de 2016.

Durante a presentación da primeira edición deste certame,Reimóndez indicou durante a súa intervención que "dende a Fundación pretendemos que este concurso se converta nun memorial permanente do persoeiro que lle da nome, dese home sinxelo e xeneroso, escritor prolífico e amante da súa terra, como foi Neira Vilas".