Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

XXXIX Romaxe de Irimia no monte Seixo (II)

O punto de encontro entre as persoas que queiran asistir ao evento será a ermida de Santa Mariña

A ermida de Santa Mariña, situada no monte Seixo, será o punto de encontro da XXXIX Romaxe de Irimia.

Canón de Pau e Capitán Gosende unimos esforzos para, na medida das nosas posibilidades, facilitar o feliz acontecemento. Os integrantes de ambas as dúas asociacións somos conscientes de que, no eido cultural, a sinerxía é indispensábel para enfrontar o quefacer reivindicativo que lle dá sentido á nosa existencia. Así mesmo, os de Capitán Gosende (Cerdedo) e Canón de Pau (Cotobade) adherímonos ao sentir da veciñanza integrada nas plataformas "antifusión", pois entendemos que a arbitraria decisión de unir os dous concellos só agocha escuros intereses partidistas e persoais, unha mostra máis da praxe política que converteu este territorio nun ermo desesperante.

A comunidade irimega avanza con paso decidido cara a corenta edición da súa romaxe. Após catro décadas, os irimegos son custodios dunha arca ateigada de gozosas experiencias, vividas todas elas en lugares excepcionais. Agradecémoslle a Irimia a deferencia de erixir o monte do Seixo como acaído marco de convivencia. Non cabe dúbida que a súa decisión se viu favorecida polo incesante labor de defensa dos valores que atesoura o monte do Seixo: arqueoloxía, mitoloxía, natureza. Cómpre lembrar que o primeiro roteiro guiado polo Seixo se remonta ao ano 2002 e que a primeira edición do Roteiro da Montaña Máxica data do ano 2005. Ao longo desta quincena, ao tempo que se guiaba os nosos visitantes (máis de 3.000 persoas), antes Verbo Xido e agora Capitán Gosende denunciaron reiteradamente a destrución do patrimonio arqueolóxico e ambiental do monte do Seixo, transformado groseiramente nun parque eólico alá polo ano 2000.

Ben sabemos que, hoxe por hoxe, un dos atractivos da comarca é a peneda de Portalén, a mítica porta do Outro Mundo, en cuxa descuberta e posta en valor investín moito do meu tempo. Ao fío, os medallóns conmemorativos da XXXIX Romaxe, lucirán, baixo o lema "Romeiros do Alén" (Gondar dixit), a silueta de Portalén, segundo o deseño da ilustradora Ana Santiso. Este fermoso "souvenir" en cerámica de Sargadelos poderá adquirirse por un módico prezo, in situ, o día da festa. A escolla do monte do Seixo para a celebración da Romaxe e o motivo do medallón son un agarimoso recoñecemento a este traballo.

A Asociación Irimia e os colectivos Capitán Gosende e Canón de Pau convídanvos a participar desta efeméride. Galegas e galegos de ben, provenientes dos catro puntos do país, congregaranse na Santa Mariña do Seixo para compartir unha xornada de exaltación da galeguidade. Súmense, pois, a esta festa da música, da palabra, da amizade e do sentimento. Non dubiden en achegarse e engadir o seu entusiasmo a un acto cultural que se desenvolverá ao ar libre, de balde e onde non se lles vai pedir o voto.

Desafiando o azar meteorolóxico (o lema do noso colectivo é "Que chova que vente, Capitán Gosende!!"), verémonos xa que logo no Seixo. Se informados do evento, desexan tomar parte, conflúan, de primeiras, na localidade pontevedresa de Cerdedo (a 30 km de Pontevedra (N-541), a 65 km de Ourense (N-541) e a 50 km de Compostela (EP-7001)). Dende alí collan o desvío cara a Presqueiras e San Domingos (PO-2204), en dirección ao parque eólico (no eido da sinalización, en Cerdedo seguen negando a existencia do monte do Seixo, máis alá da industria que o invadiu). Percorridos uns 4'5 km, viren á dereita para proseguir o ascenso cara á aldea de Carballás (sita a 6 km de Cerdedo). Deixen Carballás e continúen viaxe, dereitiños xa cara ao alto do monte. A 11 km de Cerdedo, a carón do transformador do parque eólico, desaparece a estrada asfaltada. Prosigan pola pista central uns 3'5 km, dirección sueste, até atopar a ermida da Santa Mariña (a 14'5 km de Cerdedo), lugar da romaxe.

Os actos comezarán ás 11:00 h da mañá do sábado. Un petisco de requeixo con mel sobre galleta mariñeira e un fermoso marcapáxinas da autoría de João Bieites serán o agasallo de benvida. No marcapáxinas reprodúcese o gravado rupestre denominado "Laxa da Romaxe I", descuberto no monte de Pedre polos exploradores de Capitán Gosende en outubro de 2015. O petróglifo representa talmente unha foliada de hai 4.000 anos. As actuacións do grupo A Quenlla, con Mini e Mero á cabeza, do grupo Trubincos do Batán e do cantautor Tino Baz, amenizarán o encontro.

O contido da celebración xirará arredor de tres das moitas lendas tradicionais recollidas na contorna: a profecía do Tecelán de Carballás, a malfadada santa Mariña e Portalén. O Tecelán de Carballás, vello vedoiro, prognosticou, xacando, a ruína e abandono do rural. A economía tradicional, ecolóxica e sustentábel, supeditada á ditadura do capitalismo (xaora, o Tecelán bateu certo). Por outra banda, consonte o saber popular, a santiña do Seixo preferiu morrer xugulada antes de entregarse ao invasor romano. A santa Mariña, advocación do monte do Seixo, é paradigma do pobo resistente. Finalmente, Portalén, a soleira do Máis Alá, converterase na porta de acceso a unha nova dimensión, rexa e revitalizada, do noso celme. Para ritualizar o "paso da Porta" ("Eu renazo galego!") cómpre que cadaquén faga a viaxe provisto dunha pedriña que, poñéndolle o ramo ao acto e a xeito de exvoto, depositarase formando un milladoiro.

Ao remate da sección celebrativa, gozaremos dun xantar en fraternidade. No alto haberá servizo de bar-restaurante baixo carpa e un telderete de polbo á feira. Cadaquén traerá a súa comida, mais quen o prefira, ten a posibilidade de, coa debida antelación, encargar o xantar (racións de polbo, empanadas, tortillas, bocadillos, bebida, pan...) nun nº de teléfono posto á súa disposición. Consúltese o blog da asociación Irimia (irimegos.wordpress.com).

Non esquezan engadir á súa equipaxe algo de roupa de abrigo, un parasol ou paraugas e/ou unha viseira (máis vale previr). As cadeiras e asentos nunca están de máis. Pola tarde, aqueles que o desexen, poderán participar da chamada "oración da tardiña" que terá lugar na carballeira de San Xusto (Cotobade).

Benvidos ao Seixo, irimegos; benvidos ao Seixo, Romeiros do Alén!!

Dende a organización informan que, quen o prefira, pode encargar o xantar no restautante "O Meu Lar" a través do número 630 82 52 03.

Compartir el artículo

stats