Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

XXXIX Romaxe de Irimia no monte do Seixo (I)

O 10 de setembro celébrase un multitudinario encontro cultural de crentes galegos no espazo natural do Concello de Cerdedo

O sábado 10 de setembro, a pouco que a meteoroloxía o propicie, o monte do Seixo converterase en escenario dun dos eventos culturais con máis sona e arraigamento de cantos se celebran no país: a Romaxe de Irimia, o multitudinario encontro dos crentes galegos que este ano acadará a súa triséximo nona edición. A Asociación Irimia, con case corenta anos de existencia, promove dende a sua fundación (acaecida en setembro de 1978) unha galeguidade cristiá, sublimada na "tolerancia, o diálogo, a solidariedade, a loita pola liberdade, a xustiza e a paz".

Ano tras ano, os responsábeis da loxística de Irimia escollen, como marco para a súa celebración, lugares cheos de significado, referenciais da nosa historia e da nosa cultura: o Pedregal de Irimia (Meira, 1978), o monte Aloia (Tui, 1983), a Ponte Ledesma (Boqueixón, 1984), O Incio (1988), o monte Faro (Chantada, 1991), o castro de Penalba (Campo Lameiro, 2000), a serra da Capelada (Cedeira, 2004), Chan da Arquiña (Moaña, 2006), Santa Uxía de Lobás (O Carballiño, 2013), as Penas de Rodas (Outeiro de Rei, 2015)...; e, paseniño, até trinta e nove selleiras localizacións que, espalladas polas catro provincias galegas, son reflexo da nosa sublime idiosincrasia.

A título persoal, a escolla do monte do Seixo como marco para a romaxe irimega é motivo de fonda ledicia e grande responsabilidade; así mesmo, un soño cumprido. Neste noso país, erguer a voz, posicionarse sen ambaxes, preservar a dignidade é tarefa ardua que, adoito, implica camiñar en soidade, sen apoio ningún das institucións. O colectivo Capitán Gosende ábrese camiño nesta conxuntura pouco favorábel. Supeditados á carencia de medios, nada pedimos, nada ficamos a deber.

En febreiro de 2015, a directiva de Irimia convidou os integrantes de Capitán Gosende a participar como relatores na súa Festa do Lume que, baixo o lema "Facendo país de abaixo a arriba", celebrouse no mosteiro de Bergondo (A Coruña). As razóns do convite atopámolas na súa web (asociacion-irimia.org): "Na Festa do Lume 2015 da Asociación Irimia queremos celebrar e aprender do mellor que pasa no noso país. O asociacionismo de base en Galicia, aquel que se centra directamente en alentar e transmitir a cultura galega, ou aqueloutro que dinamiza as nosas comunidades, que organiza desde abaixo os diferentes eidos da nosa vida, ao tempo que revive a nosa identidade..., ese asociacionismo é una realidade que existe e resiste".

A delegación de Capitán Gosende presente en Bergondo puxo en coñecemento dos asistentes os pormenores da súa "folla de ruta", o seu humilde labor de enxalzamento e dignificación cultural desenvolvido no concello de Cerdedo; denunciando os desmandos cometidos (ou pendentes de comisión) contra o patrimonio cultural e ambiental da zona: parques eólicos, hidroeléctricas, tren de alta velocidade, minaría do coltán, destrución da flora autóctona, eucaliptización, praxe caciquil, abandono, despoboamento...

Naquela Festa do Lume anunciouse o monte do Seixo como destino espiritual da romaxe para o ano 2016. Ende ben, os irimegos acordaran dirixir a súa corriqueira caravana cara aos cumes da serra do Cando. Cómpre salientar que tanto a promoción cultural do monte do Seixo (angueira de anos) como a responsabilidade organizativa da 39ª edicición recaeron e recaen nas asociacións culturais, contrarrestando o proverbial desleixo das administracións.

A piques de cumprir corenta anos da primeira xeira (no Pedregal de Irimia, nacenza do río Miño), a atalaia do Seixo servirá para seguir pregoando aos catro ventos a indómita condición de galegos: a devoción pola nosa lingua minorizada, pola nosa historia ocultada, pola nosa cultura maltratada; conscientes do feito diferencial da galeguidade. Velaí os alicerces da nosa resiliencia.

Hai casemente un ano, ao pé das Penas de Rodas, o santuario solar de Outeiro de Rei (Lugo), lugar da 38ª romaxe, unha representación do colectivo Capitán Gosende "recolleu o ramo", asumindo o reto de colaborar na organización da presente edición. Aquela xornada de refulxente irmandade permanece indelébel no maxín. Quen non se viu nunha semellante, aínda non experimentou a enerxía creadora e transformadora do noso pobo, unido en prol da causa común.

Naquela mesma data, os compañeiros do colectivo cotobadense Canón de Pau ofreceron a súa inestimábel axuda para turrar xuntos do carro, oferta que aceptamos gustantes e agradecidos, coñecedores da súa ampla e xenerosa traxectoria. Todos a unha, irmandiños!!

A XXXIX Romaxe de Irimia terá lugar, pois, no alto Seixo, por riba dos 900 m de altitude. Todos os camiños conducirannos á chaira da Santa Mariña na alborada do segundo sábado de setembro. Ogallá non chova!

O encontro evocará feitos pasados. Dende tempo inmemorial, naquela encrucillada, centos de labregas e labregos, gandeiras e gandeiros da redonda do Seixo, mediado o mes de Santiago, galgaban corgueiros e costaneiras para participaren, nesa terra de ninguén e de todos, non só da transacción, inherente ao mercado do gando e das sementes (o 18 de xullo), senón da liturxia do viño en cunca, do polbo á feira e do amigábel parrafeo.

O 14 de setembro de 1810, hai xa 206 anos, ao pé do marco da Santa Mariña -antigo linde xurisdicional de Montes, Cotobade e Caldevergazo (A Lama)-, tivo lugar unha xuntanza á que asistiron os xefes das Alarmas da contorna. Os afoutos milicianos do "canón de pau" deseñaron a estratexia, previndo o contraataque do exército napoleónico, aínda activo en Portugal. Loitábase pola liberación, loitábase pola independencia, unidos no esforzo de afastar un exército inimigo e invasor; un inimigo que, no pasar dos anos, mudou arteiramente a súa fisionomía para seguir chuchando con ansia do noso sangue.

Continuará...

Compartir el artículo

stats