Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Ermida de Nosa Señora de Aránzazu

En Santa Cristina de Vea venérase a unha virxe orixinaria de Guipuzcoa

Detalle da figura da virxe de Aránzazu.

A Virxe de Aránzazu venérase nun lugar do municipio de Oñate (Guipuzcoa). Aranzazu (ou Arantzazu) significa lugar cheo de espiños. Refírese ao espiño branco sobre que se atoparía a imaxe no século XV e sobre que se ergue a imaxe da Virxe. No Campo da Gándara da parroquia de santa Cristina de Vea, onde había una feira mensual, hai tamén una capela dedicada á Virxe de Aránzazu.

Xa desde 1742 había naquel lugar un cruceiro que pagou Juan do Porto e a súa muller Catalina Riveira, segundo consta no seu pedestal. Pero a capela fundouse sobre o ano 1800 xa que o cura que a levantou á súa costa foi don Francisco Bretal Mariño que veu para santa Cristina de Vea en 1790. Lemos nun libro parroquial que pouco despois, en 1816 e cando xa non está este cura, se celebraba alí algunha misa e que se celebrou unha misión, polo que se pide permiso para dicir misa nela os días en que a feira resulte en festivo e así favorecer que os que viñan á feira cumprisen co precepto.

Posteriormente varias persoas das parroquias de arredor acordan dar diñeiro anualmente para a capela. E en 1893 un veciño de santa Cristina de Vea, José Vilar Gosende, cóntanos que "hallándome en último extremo para salir de esta vida y sin esperanza de salvación por los médicos, puse el corazón en Nuestra Señora de Aránzazu y le ofrecí el mejor par de bueyes si sanaba, y por su intercesión me alcanzó de su Divino Hijo la salud perdida". E hai tradición de moitos máis milagres.

De aí que se levante unha nova capela máis grande, tal como está agora. No frontal da ermida ábrese a porta principal con arco apainelado igual que a fiestra superior que permite a entrada de luz ao interior do templo. No frontispicio lese unha placa: "N.S. DE ARANZAZU ANO 1897". A espadana é de tripla van (dous iguais coroados por un máis pequeno) e rematan o conxunto tres pináculos un a cada lado e outro no centro timbrado de cruz. Os muros son de cachotería irregular, con cantería rematando a porta, as fiestras e a moldura superior dos muros. Tellado a dúas augas.

Na capela hónrase non só á Virxe de Aránzazu, senón tamén a santo Domingos de Guzmán e a san Brais, que son as imaxes que acompañan á Virxe no retablo. Hai outras imaxes na capela como a da Virxe de Fátima e santa Rita, tamén moi veneradas polos devotos.

Un famoso milagre, ocorrido diante do cruceiro que se ergue fronte á capela, cóntanolo de xeito poético o doutor Juan Barcia Caballero (1852-1926). Versificou esta lenda baixo o nome de "A Virxe d'Aranzazu" que ten por tema o feito acaecido cerca da capela desta advocación, "Alá preto de Cora, lugar risoño da galega terra":

Temendo que unha nena tivese sido vítima dun lobo, os pais acudiron á Virxe e logo encontrárona viva e sá acariciando un lobo que estaba morto aos seus pés.

"E n'o alto d'o camino/ Que leva â carballeira,/ N'o cabo d'a toxeira /O lobo apareceu./ E un año?non?¡un neno! /Levaba n'as queixadas/ Y-en duas palancadas/ N'a chouza se perdeu.

E chichean e marmullan/Hastra que todos escraman: /"Vamos a rezar â hermida; /Quezais a Virxe nos valla"/ E alá van.../ ¡Dio-l-os axude! /¡Válalles a Virxe Santa!

Na chanzada d'a Gándara, por diante / D'o pórteco d'a eirexa/ Hay un bulto qu'as sombras e a distancia./ Reconocer non deixan./ Hay alí un corpo negro estirricado/ Cal si morto estivera;/ E á carón una cousa que buliga/ E de lonxe branquéa.

E chegan â chanzada c'os fachuzos/As sombras aluméan /¡Y-era o bulto qu'estaba alí deitado/ O lobo e mais a nena!/ E d'o montón una muller sahindo /De contra o seo a aperta; /E ¡milagre! ¡milagre! berran todos /¡Qu'o lobo estaba morto e sana a nena!

A festa da Virxe celebrábase antigamente o domingo anterior a Corpus Cristi, en que estaba permitido dicir misa. Logo en 1822 ampliouse o permiso podendo oficiarse misa os días de feira que coincidisen en domingo ou festivo. Actualmente a festa celébrase o 8 de setembro.

Compartir el artículo

stats