A parroquia agoladense de Eidián recuperou, onte, a malla tradicional. "Isto serve para que nos xuntemos os veciños e revivamos vellos tempos, é o fin desta xuntanza que levamos celebrando dous anos", explica Iván Méndez, un dos organizadores. "Para os nenos esto antes era unha festa na que nos reuníamonos, axudabamos no que nos deixaban e faciamos falcatruadas, era como un xogo", comenta Maximino Míguez, o mallador. Para a malla, os veciños achegáronse ata o campo da festa onde estaba o medeiro cos mollos de centeo que segaron en semanas anteriores.

A malladora foi aportada por Maximino Míguez xunto co motor que a pon en funcionamento. Esta máquina, con máis de cen anos, foi fabricada en 1922 en Lugo, "é das máis antigas que coñezo, pero tamén é a máis dura das que había", comenta Míguez. A tracción entre a malladora e o motor é unha correa plana que soe ser longa para separar o motor da máquina polo polvo que esta produce. Tamén hai outro aparello que intervén no proceso: A limpadora, serve para sacar o gran da espiga. Leva unha ventilación e unhas cribas que van limpando de forma que queda o gran. Funciona a través dunha manivela coa que se xira o ventilador para que os cereais vaian baixando e pase para un lado o gran e para outro os restos.

Coas máquinas en funcionamento, os veciños collen os seus postos. Uns desfán os mollos do medeiro e métenos na malladora para que se separe a palla, que serve para darlle de comer ós animais, do cereal que se emprega, fundamentalmente para facer pan. Outros van formando o palleiro a carón da máquina, para iso empregan unha galleta de madeira, porque isto é o que manda a tradición "cando se revive unha malla hai que facelo ben", di Míguez. Por último, na limpadora meten o cereal para que saia o gran listo para a elaboración do pan. "Antigamente, no rural, ter pan era importante por eso este cereal era fundamental. O pan tiña que chegar a durar dúas semanas e co centeo aguantábaas, sen embargo, moitas veces preferían o pan de millo porque este cereal non hai que mallalo, é máis fácil de traballar.

Tras acabar os traballos, a tradición seguía no plato. A carón da malla, colocaron unhas mesas para degustar caldo de ósos e lacón asado feito polas veciñas.