Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Rapa das Bestas e a solidariedade

Cando se cumpre un lustro da posta en marcha do Curro Solidario do luns, a recadación vaise destinar á Fundación Juan XXIII para asistir a persoas con discapacidade intelectual

Imaxe de arquivo do Curro Solidario do pasado ano 2015. // Bernabé / Javier Lalín

Atopámonos ás portas da gran festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, que -como todo o mundo sabe- está recollida como Festa de Interese Turístico Internacional. Nela son acreditados preto de douscentos periodistas de todo o mundo.

Sabucedo é unha pequena parroquia do Concello da Estrada, onde viven menos de 40 veciños pero que nestes días de festa pasa a ter unha poboación superior ás 20.000 persoas. Todos estes visitantes veñen a gozar da natureza, sexa no monte correndo detrás das bestas e axudando a xuntalas ou dando un tranquilo paseo polos montes do Cádavo, a Conla e Peóns ou polo entorno da parroquia pois ten Sabucedo moito que ver e degustar.

Axiña chega o sábado, día en que fan a entrada en Sabucedo as bestas de San Lourenzo e se celebra o primeiro curro, onde apiñados na ampla bancada do coliseo (o curro) admiran a loita entre o home e o animal máis nobre da creación: o cabalo. Logo chegamos ao domingo co segundo e máis concorrido curro e,tras este día, vén o curro do luns. Acoden a ver o derradeiro curro do ano máis de mil persoas que, ao remate, se despiden ata o ano que vén, no que nos volveremos ver en Sabucedo.

Pero hoxe querémonos centrar no curro que se celebra o luns. Como xa queda dito, é o derradeiro desta festa, no que se segue a facer as mesmas tarefas que nos anteriores curros: cortarlle as crinas e sanear o gando para logo deixalo en liberdade. Pero ten este curro algo moi especial pois podemos dicir que é o curro da solidariedade xa que toda a recadación procedente dos asistentes vai destinada a un fin solidario.

A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo no ano 2012 tomou a firme e atinada decisión de que o curro que se celebraba o luns -ata entón gratuíto- se gravase cunha pequena cantidade a todas aquelas persoas que se achegaban á Rpa, adicando o recadado a axudar a unha rapaza (e no ano seguinte a outra) que necesitaba dunhas operacións moi custosas que a Seguridade Social non cubría nin a familia podía sufragar. Así, os primeiros dous anos o diñeiro recadado foi doado integramente a estas familias, que debían trasladarse fóra da comunidade para poder someter aos seus fillos a estas intervención cirúrxicas. No ano 2014 a recadación entregouse á Cruz Vermella e no ano 2015 a doazón recaeu na Asociación Española contra o Cancro, batendo todos os récords de recadación ao superar os 7.000 euros.

E agora, cando se cumpre un lustro da posta en marcha do Curro Solidario, a recadación do curro solidario do ano 2016 destinarase integramente á Fundación Juan XXIII, que dá asistencia social a persoas con discapacidade intelectual así como á súa inserción sociolaboral e inclusión social e mesmo a outras persoas en risco de exclusión social.

Ademais da recadación derivada da entrada ao curro, a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo ten previsto para este ano a venda duns artigos dados en doazón á devandita asociación, entre outros, polo clube de fútbol americano A Estrada Bestas e o club de fútbol gaélico os Irmandinhos de A Estrada. E a Asociación Codeseda Viva participa cun crebacabezas ou "puzle" de mil pezas da ábsida románica da igrexa parroquial, que xunto co da catedral de Santiago é o único "puzle" dunha igrexa con 1000 pezas. Os beneficios que se obteñan da venda destes artigos serán doados xunto coa recadación do curro á dita Fundación Juan XXIII.

Non deixedes de acudir a Rapa das Bestas de Sabucedo en calquera dos días da festa da Rapa e, se participades tamén o luns neste xesto solidario, mellor. Vémonos en Sabucedo!

Compartir el artículo

stats