Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A lenda dunha bruxa chamada Calistea

Procedente da Illa de Avalón, esta fada que mudou en bruxa chegou ata a parroquia de Callobre

Imaxe do Castro da Aldea Grande, onde se celebrará a festa.

A Illa de Avalón, tamén coñecida como a "Illa das Mazás" ou tamén como "Illa das Fadas" era un lugar máxico da Bretaña, case inaccesible, e un auténtico paraíso da eterna primavera. A esta illa máxica soamente podían acceder uns cantos elixidos, como eran a fada Morgana, as súas oito irmás, o Mago Merlín e os propios habitantes: as fadas e mesmo o Rey Arturo, tras a batalla de Mordred.

No medio destas fadas privilexiadas estaba Calistea, unha fada non moi acorde á idiosincrasia propia nin da Illa máxica nin, por suposto, das outras fadas. Por iso mesmo o "Consello das Fadas" decidiu que fose expulsada de Avalón ao país máis remoto coñecido no mundo celta e que recibía o nome que lle deran os romanos: Gallaecia.

Saíu da propia illa no barco pantasma no cal tamén se podía acceder a Avalon, dende logo que cun profundo cambio de imaxe onde se transformou a súa fisonomía de fada na dunha bruxa, pero mantendo a súa maxia. Unha vez fóra do barco tivo que montar na súa vasoira de xesta condenada a que alí por onde pasase levase con ela todos os males que acontecesen: meigallos malignos, mágoas, enfermidades, envexas, miserias, calamidades... e incluso "corrupción", nunha palabra: todo aquilo que supuxese un atranco para as persoas.

E así foi ateigándose de todo o negativo até que certo tía achou un fermoso val, verde, marabilloso... moi, pero que moi semellante a aquela illa máxica da que fora expulsada. E por aquel val transcorría silandeiro un río, un río da vida. Decidiu seguir este fermoso río a contracorrente atopándose de súpeto cunha impresionante fervenza que lle chamou fondamente a atención pola súa brancura virxinal por mor da escuma que ía deixando no seu devalar polas pedras abaixo. Conduciu a súa vasoira cara un monte lateral dende o que se enxerga de cheo a abraiante fervenza, un verdadeiro miradoiro, baixou, sentou e ficou ensimesmada ollado semellante marabilla da natureza, ela que fora educada no mundo celta no culto á nai natureza, á auga...

Tras un tempo decidiu pórlle nome a aquela marabilla por ela descuberta: "O Picho da Fervenza", xa que remataba nun auténtico "Picho", e sen esquecer o do topónimo parroquial onde se situaba esta máxica fervenza: Callobre, topónimo de clara orixe celta xa que é ben sabido que todos os topónimos galegos rematados en Obre ou en Ove son todos de orixe celta. Dende aquela soamente se fala do "Picho da Fervenza de Callobre". Alí permaceceu ben tempo abraiada até que unha fermosa melodía fixo que saíse do seu ensimesmamento, unha música case celestial que proviña de máis arriba. Daquela decidiu montar de novo na súa vasoira e voar río arriba onde se achou de fronte cun fermoso castro, onde deciciu pousar a súa vasoira e ollar cara o val profundo que dende alí se enxergaba, vendo unha boa morea de casas aldeás aló ao fondo. Alí mesmo decidiu nomear aquel promontorio como "Castro da Aldea Grande".

Mais, de onde xurdían aquelas notas máxicas e engaiolantes? Pois das mesmas entrañas daquel monte, de todas as partes, de todos os arredores... pero de ningún lugar concreto xa que aquelas notas simplemente eran envolventes daquel máxico espazo. De súpeto a bruxa comezou a berrar xa que, por moito que o teimase, non era quen de se mover cara ningures... aquela música non a deixaba abandonar aquel máxico castro. Os berros de Calistea percorreron todo o val, mesturándose tamén coa sonoridade das augas fluviais e coa música envolvente. Perante semellantes berros alí acudiron veciñas e veciños de toda a contorna.

Como era de noite, concretamente a máxica noite de San Xoán, o comezo do solsticio do verán, as xentes acenderon chamativas e luminosas teas que fixeron que aquel máxico promontorio ficase totalmente iluminado e viron no medio á Bruxa Calistea cargada con todos os males que fora recolleitando. Daquela acordaron plantarlle lume á bruxa, e de paso a todos os males cos que cargaba... Bruxa e males arderon dando lugar a un máxico lume purificador. Unha vez todo feito cinzas, sendo todo ledicia, argallaron unha foliada que durou até o mencer, ficando todos e todas purificados e irmanados. A bruxa Calistea ardeu, pero isto conlevou unha eterna felicidade para as xentes desta Terra.

Compartir el artículo

stats