Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Rapa das Bestas é ecoloxía

A entrega do pobo de Sabucedo fixo que a grea medrara, logo de perigar a comezos dos 70

Reses da cabana do Santo de Sabucedo durante a baixa do monte da Rapa das Bestas de 2014. // Bernabé / Javier Lalín

Estamos moi próximos á gran festa da "Rapa das Bestas" de Sabucedo, que este ano se celebra os días, 1, 2, 3 e 4 de xullo. Esta festa de interese turístico internacional atrae a miles de persoas todos os anos, pero moi poucas coñecen de verdade o amor, paixón e entrega a estes animais de parte dos veciños de Sabucedo. Que sería das greas sen o sacrificio en tempo e traballo destes veciños?

A comezos dos anos 70 as manadas de cabalos estaban por distintos motivos condenadas a desaparecer, pois cada vez quedaban menos cabalos e ao ser poucos quedaban expostos aos caíños dos lobos e á actuación dalgúns ladróns sen escrúpulos. Foi a fe e a entrega de todo o pobo de Sabucedo o que fixo que durante todo o ano os cabalos puidesen estar no rueiro ao amparo dos veciños e alimentados todos os días co que estes lle aportaban, para así facer que medrara a grea e puidese defenderse de todos os seus inimigos naturais e humanos.

Asistimos hoxe en día a un abandono do campo que leva a que as veigas de labranza xa non se traballen e as herbeiras estean invadidas de xestas, toxos e silvas. Que vos vou a contar do monte, onde o toxo, que noutro tempo se rozaba para estrar as cortes ou poñelo en moreas de estrume ou mesmo para quentar un forno de pan, medra ao seu antollo? Fentos que xa non se recollen para chamuscar os porcos ou mesmo para estrar cortes, silvas que empolican polos toxos e polos arbustos convertendo o monte nun territorio impenetrable, son no verán un caldo de cultivo para os incendios forestais, a maioría provocados de forma intencionada por intereses de diversa índole, algúns iniciados por pirómanos e poucos de forma fortuíta. Estes lumes provocan unhas perdas económicas e danos de incalculable valor no noso ecosistema. De feito as especies cinexéticas de caza menor que habitaba nos nosos montes desapareceron e hoxe xa non quedan lebres, coellos, perdices, paspallás... mentres que aparecen outros animais que non proliferaban na nosa contorna, como o porco bravo e cérvidos, que causan graves danos en árbores, prados, leiras de millo, patacas e mesmo provocan graves e custosos accidentes de circulación.

Se tamén desaparecesen as bestas do monte, o perigo sería maior, xa que estas aliméntanse de toxos e demais herbas, polo que coa súa desaparición os montes se converterían en auténticas selvas, onde acubillarían os xabarís e lobos que sen comida no monte baixarían preto das casas para comer nas hortas ou atacar as ovellas, cabras ou xatos para saciar a fame.

A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo é consciente disto, por iso mantén a un equipo de persoas coidando todo ano as greas, estando a carón das bestas a diario, facendo un estudo do seu percorrido, ocupándose das bestas preñadas e as crías, e observando os danos que poidan causar as bestas cando entran en fincas particulares. Ademais esta asociación ten contratado un seguro para os danos ou accidentes que poidan causar.

A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo solicita cada ano a Medio Ambiente a queima controlada de montes, que están a realizar os axentes forestais da Estrada. Este ano fixéronse queimas en montes de Quireza e Sabucedo, o que vai permitir controlar o risco de incendios e a procura de pastos para a fauna en xeral.

Se alguén ten interese en coidar o gando cabalar é a Asociación "Rapa das Bestas" que por darlle repouso as bestas mesmo cambiou o día da baixa. Antes facíase o sábado e nese mesmo día había curro, o que provocaba certo canso e estrés nos animais, pero a Asociación no ano 2011, tras un debate e posterior votación, decidiu cambiar o día da baixa, pasando para o venres, deixando as bestas nun monte cerrado moi preto de Sabucedo coñecido como "O Peche do Castelo", para que os "bichos" e bestas atopen os seus conxéneres e descansen ata o medio día do sábado en que desde este punto son conducidas ao "Peche do Curuto" en Sabucedo.

Sobre o coidado que se ten coas crías temos testemuña en documentais e reportaxes fotográficos sobre o día da baixa, onde os aloitadores portan a ombros, como un ben moi prezado, algún poldro recén nacido ou ferido que padecía ao camiñar. Por iso, no curro, antes de dar comezo a rapa, sepáranse os poldros do resto da manada e así evitar que sufran danos.

Valorar pois a Rapa das Bestas de Sabucedo é coidar do noso entorno, dos nosos montes e vales, da nosa flora e fauna, coidar do mundo en que vivimos, do que Sabucedo é un edén.

Compartir el artículo

stats