Un total de 1.825 estudantes de dez centros educativos das comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e Deza uniron as súas voces onte nunha soa no Correlingua que percorreu o corazón da vila da Estrada. Fixérono baixo consignas a prol da lingua, demostrando que, como reza o lema do Correlingua que reflectía a pancarta que abría a manifestación polas rúas máis céntricas da vila, "o galego está en nós".

Respaldaron este evento coa súa presenza as comunidades educativas dos colexios públicos estradenses Pérez Viondi, Figueiroa, Cabada Vázquez de Codeseda, Villar Paramá de Vea e O Foxo así como os tres institutos estradenses -Manuel García Barros, Antón Losada Diéguez e Número 1- e os de Forcarei e Silleda, Chano Piñeiro e Pintor Colmeiro, respectivamente.

Ainda que todos coincidiron en corear "Correlingua" dando varias palmadas e todos se cubriron a cabeza con gorras azuis agasallo da organización, cada centro educativo reivindicou o uso da lingua galega nos distintos ámbitos da vida de maneira diferente. Así, por exemplo, os nenos de Figueiroa -que abrían a manifestación portando a pancarta principal da mobilización- utilizando sinais de tráfico alusivos ao seu proxecto "Estrada de Estradas" facían recomendacións como "Stop aos prexuízos" ou "sé precavido. Móvete en galego". Tamén o proxecto de centro "Ilumínate" do CEIP O Foxo refulxiu a través das palabras que os rapaces portaban nas súas camisetas: "solpor, respaldor" ou "arco da vella", entre outros. Mentres que os escolares de Codeseda proclamaban que "o galego dache máis", os do Villar Paramá indicaban que "galicia somos nós" e os do Pérez Viondi indicaban que "o galego está en nós", os do IES Pintor Colmeiro recomendaban "vístete coa nosa lingua": "estúdaa", escríbea", "cántaa" e"síntea", entre outros consellos.

A manifestación saiu e rematou na Praza da Feira, onde rapaces de Figueiroa protagonizaron unha actuación e tivo lugar o concerto de Pito de Pikasso antes de proceder á solta de globos con mensaxe. Logo de que este ano por vez primeira dúas mensaxes obtiveran resposta en Pontevedra e Portugal, tamén na Estrada o Correlingua ten a esperanza de que alguén lle resposte. A idea é poder chegar a establecer un intercambio escolar coa zona á que teña chegado unha destas mensaxes dos coloridos globos do Correlingua.