Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Negro: "O feminismo é unha das revolucións pendentes do século XXI"

"A igualdade tamén nos beneficia aos homes, en canto nos fai mellores persoas e pais"

Carlos Negro, nunha charla nun centro escolar. // Bernabe/Gutier

O vindeiro venres, 27 de maio, ás 20:30 horas o Museo Ramón Mª Aller de Lalín acollerá a presentación do novo libro Masculino singular, do escritor lalinense Carlos Negro, que dende unha reflexión persoal pretende achegar ao lector unha reflexión sobre as desigualdades propiciadas pola dominación do xénero masculino.

-Que vale a pena sinalar da nova obra que vai presentar en Lalín o próximo venres?

-É un libro de reflexión sobre a masculinidade, tanto sobre a masculinidade tradicional como os estereotipos de xénero, e tamén unha proposta da revolución afectiva, na que os homes asumamos de unha vez os valores positivos do feminismo. É una reflexión persoal a partir da miña experiencia vital. Isto nace dun corte mentras me estou afeitando que leva a preguntarme que home son, que home quero ser e que home non quero ser a estas alturas da vida.

-Encontramos en Masculino singular algunha relación coas súas obras anteriores?

-Ten relación con cousas que xa fixera. Ten moita relación quizais co anterior, con Penúltimas tendencias, pon en cuestións algúns estereotipos; que significa ser home, ser muller, que significa ser mozo ou moza cuestionando eses roles tan marcados da sociedade tradicional. Propón a liberdade de escoller os camiños da vida e fuxir da violencia, da agresividade e tamén dos roles publicitarios e dos roles tradicionais que nos asignan por ser homes ou por ser mulleres. Nese sentido si que é un libro vinculado a Penúltimas tendencias aínda que o outro é máis enfocado a un público xuvenil e este non ten un público en particular.

-Cal foi o punto de partida da reflexión persoal na que se converteu Masculino singular?

-É un proceso relacionado coa miña propia evolución biográfica, como docente e tras asistir a cursos de formación e igualdade que falan desta necesaria revolución íntima na que os homes deixemos de exercer de machos alfa da manada, de que sexamos simplemente persoas igualitarias, pero non presumindo diso, senón na nosa vida cotiá. Temos que asumir que a igualdade tamén nos beneficia a nós en canto que nos fai mellores persoas e mellores pais. A partir de esa mesma reflexión, naceu este libro que é unha forma poética de expresar estas preocupacións. Un libro que foi madurado lentamente dentro de min pero tamén axudado polas opinións exteriores que están levando a voz cantante neste ámbito da igualdade.

-Con este libro, recorda o necesario que é continuar falando dun tema tan importante como é o dos perigos da desigualdade...

-Non só necesario, senón que penso, pola miña experiencia como docente nos institutos, que é imprescindible. É unha das revolucións pendentes do século XXI, débese asumir o feminismo, non como unha cousa oposta ao machismo, senón como unha parte necesaria da revolución social pendente. Sabemos facer a guerra e non poñer unha lavadora. Eu creo que os homes temos que estar orgullos de saber poñer unha lavadora e non de facer a guerra.

-Que supón presentar este libro na vila que o veu crecer?

-Supón unha ilusión e un cariño, aínda que non vivo en Lalín, sempre que volvo para min significa unha inxección de cariño, de ver aos amigos, de desfrutalo coa familia e de recuperar sitios da xuventude. Para min é unha festa alegre volver a Lalín e poder compartilo con xente que quero.

-Tras este libro está con algún novo proxecto?

-Este libro xa está escrito dende hai uns tres ou catro anos. Xa estou escribindo outras cousas, traballando noutros proxectos poéticos e literarios, estou con outros traballos pero aínda non están rematados.

Compartir el artículo

stats