A Asociación Intercultural Santa Ferreña presentou onte no centro cultural Vista Alegre, da Bandeira, os XVII Encontros de Música Tradicional no Mosteiro de Carboeiro, que terán lugar o 4 de xuño. Esta cita tamén é posible, un ano máis, grazas á colaboración desinteresada de centos de persoas.

O programa arranca, como de costume, cunha sesión vermú a cargo dos grupos da bisbarra, ó fío das 13.00 horas. De seguido farase a procesión de Santa Ferreña, a patrona pagá dos Encontros que no percorrido estará acompañada polos papamoscas de Viravolta. Non faltará, neste momento, a poxa das andas. Levará a santa aquel que máis ferreños pague, como marca a tradición. Amúsica correrá a cargo de grupos tradicionais de Zobra, Muiño de Zas, A Pontraga e do concello de Mondariz.

Pero os Encontros van máis aló da música. Por iso, complétanse cunha exposición que poderá visitarse ó longo de todo o día e que nesta edición leva por título Recitacegas. Xira en torno á literatura de cordel, un tipo de poesía oral que despois se recolleu en pregos de cordel, chamados así porque se colocaban en tendedeiros en forma de cordas. A exposición é cousa da Fundación Joaquín Díaz de Urueña (Valladolid) e a ONCE. Poderanse ver exemplares orixinais de pregos, fotografías e gravados, ademais de instrumentos usados polos cegos. Ademais, tamén estará exposta a colección de pregos de cordel de Alberto Bouzón, veciño de Cacheiras (Teo). Tampouco faltarán os títeres deo Museo da Marioneta, de Lalín.

E, igual que en anteriores edicións, estarán a venta instrumentos tradicionais, abalorios, xoguetes, cerámica e demais obxectos na feira de artesanía. O xantar popular (15 euros por persoa) inclúe empanada, carne ó caldeiro, sobremesa, pan, viño, café e gotas.

Xa pola tarde, prográmanse xogos tradicionais con Eira Xandobeleira, unha ludoteca itinerante. Os que prefiran disfrutar da música poden facelo no patio do mosteiro, no Recuncho de Tocar. Contarase coa presenza de O cego dos monifates, da compañía Seisdedos, e máis do contacontos Celso Fernández Sanmartín, que ofrecerá o seu espectáculo na capela do mosteiro.

Á tardiña preséntase o documental Dos gaiteiros do mar, dirixido por Xurxo Souto e Martín Rodas. A cinta recolle grabacións do ano 1973, a bordo do pesqueiro Ría de Aldán. Nel coincidiron Manoliño e Feliciano de Donón (gaita e tamboril) e Manuel Santomé (bombo). As sesións de música quedaron recollidas nunha cassette que eles titularon Nos mares do Gran Sol.