Nenos disfrazados de vellos, de gaiteiros ou con roupas que lembraban ás primeiras décadas do século pasado. Antigas tabernas con cuncas de plástico, e carrilanas para disfrutar ó aire libre. Así era o ambiente que se viviu na mañá de onte nas dependencias do colexio Ramón de Valenzuela, de A Bandeira. Por sexto ano consecutivo, a comunidade educativa -coa colaboración e participación de varias familias- organizou a Romaría das Letras Galegas. Nenos, mestres e pais levan un mes traballando nesta festa para que non houbese nin o mínimo erro.

E todo saíu á perfección. A festa arrincou pasadas as 10.30 horas cunha tirada de bombas de palenque, como se facía antano nas grandes romarías e como se segue facendo hoxe en boa parte das festas tradicionais. Por todo o patio do colexio colocáronse postos típicos, como o da ANPA Brincadeira, que ofrecía callos a quen lle apetece saborear este delicioso prato pese ó calor case de verán. Había, tamén zonas nas que degustar postres típicos e churros. Pero tamén había que alimentarse da palabra, así que cada curso do centro educativo leu un poema de Manuel María, o autor de Outeiro de Rei ó que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Ó final do recital interpretouse unha canción conxunta e houbo un pequeno baile. A música non parou aí, posto que toda a mañá pequenos e maiores disfrutaron do repertorio do dúo Pachi e Montse. Así que, un ano máis, os 114 alumnos deste centro educativo fixeron unha viaxe no tempo para entender a importancia non só de manter vivo o idioma, senón tamén as tradicións e costumes que o sustentan.