Deza implicouse onte de cheo coa celebración do Día das Letras Galegas que este ano rendeu tributo ó poeta Manuel María. Un amplo abano de actos ensalzou non só a figura do literato senón a defensa da cultura e a lingua galega. Ben fose en forma de recitais poéticos ou de concertos, Galicia foi onte a indiscutible protagonista.

Na cabeceira comarcal os actos comenzaron xa de mañá coa actuación do grupo de música tradicional Bico da Balouta na Praza da Igrexa. Pouco despois tomaron o relevo as verbas combativas e retranqueireas de Poetarras, unha banda que mistura nos seus espectáculos tamén pequenas e acedas representacións humorísticas. Xa pola tarde, foi quenda para a banda Xuvenil de Lalín, que dirixida por Santiago García Mella, brindou a sua particular homenaxe ás letras cun concerto no auditorio lalinense. Pouco máis tarde, sobre as sete, o alumnado do IES Laxeiro, acompañados pola mestra deste centro Gracia Santorum realizaron un percorrido bibliográfico pola vida do autor lucense. Unha aposta que combinou o recital da súa obra coa proxección de imaxes da súa traxectoria. Os actos incluidos dentro da programación cultural do Concello remataron cun concerto na Praza da Igrexa previsto para as 20.30 horas a cargo do grupo Noite Fechada. A banda aproveitou para presentar en Lalín o seu novo traballo discográfico Con-visión de festas.

Ó marxe desta programación, outro dos escenarios onde as letras tornaron onte en protagonistas na vila foi a Residencia As Dores que contaba con actos xa dende o pasado sábado no que acolleu un recital do Coro Infantil Luis Areán de Lalín. Así, na xornada de onte tomou o relevo o grupo de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio que amenizou a tarde dos maiores a ritmo de muiñeiras.

Na mentres, en Trasdeza, un dos actos centrais da xornada foi o VI Festival de Música Tradicional do Concello de Silleda que tivo lugar a partir das cinco da tarde no auditorio do recinto feiral. Unha cita organizada pola aula de músia tradicional da Escola de Música de Silleda. O grupo Aires do Trasdeza foron os encargados de abrir o recital que contou cun amplo repertorio de formacións do municipio. Polo escenario pasaron tamén as pandereteiras A Xariza de Parada, os gaiteiros da Pereiriña de Ansemil, da parroquia de Martixe así como as Pandereteiras A Saleta de Siador. Tampouco faltou o grupo de acompañamento de Xirandola, O Son da Fervenza, de Escuadro, os músicos da Aula de Música Tradicional da Escola de Silleda, ademais dos Musiquiños e a formación Os Carquiexas de Lamela. O certame foi presentado nesta ocasión por Aurora Cañizares.

As verbas tamén sairon á rúa, neste caso ós lavadoiros e fontes, da parroquia de Parada. Como cada ano desde o mencer do Día das Letras Galegas estes puntos que conforman a Ruta da Auga e que son un dos atractivos do lugar, acollen fragmentos e poemarios tanto do autor homenaxeado como doutros ilustres da literatura galega. Textos que permanecerán pendurados nestes puntos de encontro ata final de mes cando a parroquia acolle a súa tradicional Ruada. Este ano a cita será o domingo 29 a partir das seis da tarde e coma de costumbre os cantos rematarán cunha merenda na Casa da Escola.

Tampouco o Centro Cultural Vista Alegre de A Bandeira quixo deixar pasar a oportunidade de recordar a Manuel María. Así ata o próximo sábado día 21 o centro contará cunha exposición sobre a vida e obra do autor organizada pola Asociación Cultural Vista Alegre e que contou asimesmo coa colaboración da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, Vila de Cruces tamén dispuxo dunha variada proposta cultural. O auditorio municipal Xosé Casal acolleu un acto para recordar non só a Manuel María senón tamén a figura doutros ilustres das letras galegas como Xosé Neira Vilas. O rexedor, Jesús Otero, encargouse de dala benvida ós asistentes para que logo, Xosé Carlos Carracedo, realizase a presentación da figura de Manuel María. As propias verbas do poeta chegarían da man de Sabela Castelo e Nerea e Alejandro Chacón que se encargaron de recitar algúns dos seus poemarios como A fala, O Arco da Vella ou Galicia. O acto contou tamén cunha segunda parte que se centrou na figura do escritor de Gres coa presentación do libro Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, no corazón dos nosos nenos, escrito por Loli Beloso que tamén acudiu á celebración. Para rematar, o grupo de música tradicional Sons da Mina, de Fontao, encargouse de poñer o broche musical á cita.

Por outra banda, as verbas do poeta tamén tomaron as rúas de Cruces con cartaces realizados pola Asociación Cultural Novo Cruceiro Rock. E xa pola tarde, o auditorio Valero Guzmán de Merza acolleu unha homenaxe ó poeta e a entrega de premios do IV Concurso de Relatos Curtos. Os premiados desta edición foron Teresa Goris, na sección infantil polo relato titulado Qué boa tarde! mentres que na categoría de adultos foi seleccionado o relato Diario de destrucción dunha raza de Roi Guzmán. Ambos autores foron obsequiados cun lote de libros. O acto, organizado pola Asociación Cultural O Arco de Merza, contou tamén coa actuación do grupo de pandereteiras da parroquia Zarabanda.

As palabras, desta volta a cargo do contacontos lalinense Celso Fernández Sanmartín, tamén foron protagonistas onte en Agolada. Nun enclave particular como son os pendellos, o seu espectáculo de narración oral Contando cousas e cousiñas para nenos e nenas convenceu ó público de tódalas idades.

E tamén á mesma hora, o Centro Cultural Manuel Lamazares de Rodeiro acolleu o Festival das Letras Galegas, que nesta edición contou só coa actuación da Coral Polifónica de Rodeiro, xa que outros grupos da localidade que adoitan asistir contaban con compromisos noutros municipios. A vila convoucou tamén con motivo das Letras Galegas un certame literario e artístico, con premios nas categorías de relato curto, poesía e pintura e que alcanza este ano a súa sétima edición. O fallo do certame coñecerase nun acto público e os premios entregaranse nunha sesión que se celebrará tamén no centro cultural pero aínda sen data fixada.