A conmemoración do Día das Letras Galegas arrancou xa onte na capital dezá de man da comunidade educativa con actos que encheron non só as aulas escolares senon tamén as rúas para recordar ó poeta e xornalista Manuel María.

Precisamente unha das propostas máis destacadas da xornada tivo lugar en pleno casco urbán e contou con boa parte do estudantado dos dous institutos lalinenses. A partir das 10.30 horas una comitiva integrada polo alumnado da ESO dos dous institutos comezaba un percorrido no que conformaron unha cadea humana que uniu, de xeito simbólico, os dous centros educativos. Unha iniciativa promovida polo IES Laxeiro e que tamén implicou o instituto Aller Ulloa. O feito de que cada un dos institutos se ubique nos extremos da vila motivou que a cadea fose aínda máis visible para o resto dos veciños. Estas particulares "argolas" de xuventude conformaban así una cadea para reivindicar a defensa e o emprego da lingua galega. O encadeamento discurreu polas rúas Luis González Taboada, D e Penatoares. Nas proximidades da igrexa, o alumnado dos dous centros confluiu dando lugar ó intercambio de obras literarias escritas en lingua galega e á lectura dun manifesto para o que contaron co respaldo da Policía Local, empregando a súa megafonía. Un troco que contou co acompañamento da música da gaita e da pandeireta.

Na xornada de hoxe, un amplo abano de actividades en boa parte dos municipios da zona conforma unha diversa programación onde literatura e música converxen pola defensa da cultura galega.

En Lalín, a programación principal que arranca xa ás 12.30 horas no entorno da Praza da Igrexa coas actuacións do grupo Bico da Balouta e de Poetarras. Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas a Banda Xuvenil de Lalín, dirixida por Santiago García Mella, ofrecerá no auditorio o concerto do Día das Letras. Mentres, as 19.00 horas o museo Ramón María Aller acollerá un recital multimedia que será guiado pola mestra do IES Laxeiro, Gracia Santorum e no que participará o Club de Lectura do centro. Os actos finalizarán co concerto na Praza da Igrexa, ás 20.30 horas, do grupo Noite Fechada, no que presentará o seu disco Con-visión de festas.

Na mentres, Trasdeza renderá a súa particular homenaxe ás letras co VI Festival de Música Tradicional no auditorio da Semana Verde ás 17.00 horas. O certame contará con nove agrupacións do municipio: Aires do Trasdeza, Pandereteiras A Xariza de Parada, Gaiteiros da Pereiriña de Ansemil-Martixe, Panderetieras A Saleta de Siador Grupos e acompañamento de Xirandola, O Son da Fervenza, a Aula de Música Tradicional da Escola de Música de Silleda, o coro Musiquiños e Os Carqueixas. Á marxe desta cita coa música, as letras chegarán tamén a parroquia de Parada cos poemarios e fragmentos literarios que dende hoxe e ata finais de mes pendurarán dos lavadoiros e fontes. A vila acolle o domingo 29 a súa tradicional ruada a partir das seis da tarde cun percorrido polos lavadoiros e algunhas das fontes que forman a Ruta da Auga. A cita rematará cunha merenda para os asistentes na Casa da Escola.

Pola súa parte o auditorio de Vila de Cruces acollerá a partir das 12.00 horas un acto en recordo do literato no que se fará unha presentación da súa traxectoria e a lectura de poemas. Tamén se presentará o libro Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, no corazón dos nenos e actuará o grupo Sons da Mina de Fontao.

Mentres, Agolada contará coa actuación do contacontos Celso Frenández Sanmartín nos Pendellos a partir das 18.00 horas. Á mesma hora a Casa da Cultura de Rodeiro acollerá o Festival de Músia Tradicional coa actuación da Coral Polifónica de Rodeiro.