O xurado do Concurso de Microrrelatos que convoca o departamento de Normalización Lingüística de Silleda acaba de emitir o seu fallo. A esta quinta edición, baixo o lema O meu soño, presentáronse máis de 110 traballos. Na categoría de 6 a 12 anos gañou o microrrelato Soños de amor e imaxinación, presentado por María Gutiérrez Frade baixo o pseudónimo Zeltia. A rapaza é alumna do colexio plurilingüe María Inmaculada. Na categoría de máis de 13 anos impúxose Xurxo de Pena, de José Luis Fernández Sarceda, que o asinou como Manuel Canteira.

O xurado estivo composto polas xornalistas Branca Paz e Salomé Soutelo (de FARO) e Isabel González, designada pola cocnelleira Aída Castro.

Os premiados recibirán unha tablet valorada en 100 euros e un vale de compra de 20 euros, doado por ECOS para canxear en calquera establecemento asociado. No caso do colexio plurilingüe María Inmaculada, faráselle entrega de 50 euros para a compra de libros en galego nas librarías do municipio, por ser a gañadora da categoría de 6 a 12 anos alumna dese centro. Por outro lado, a campaña de recollida de material escolas da Concellería de Benestar tamén levará 50 euros, xa que o gañador de máis de 13 anos non é alumno de ningún centro educativo. A entrega dos premios terá lugar o vindeiro luns, día 23, nas dependencias do consistorio trasdezano.