Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sabucedo e a Rapa das Bestas

A parroquia é un paraíso polo que pasa a ruta de sendeirismo de 30 quilómetros que tratan de homologar a Rapa e Codeseda Viva

Aloitadores, facendo o seu labor nun dos curros da última Rapa das Bestas de Sabucedo. // Bernabé /J. Lalín

Falar de Sabucedo e falar da Rapa das Bestas. Esta Festa de Interese Turístico Internacional atrae todos os anos a milleiros de persoas, que xunto cos veciños de Sabucedo o venres -día da baixa-soben ao monte para xuntar as greas, colaborando de forma activa ata baixar as bestas e deixalas no Peche do Castelo, moi preto de Sabucedo.

O sábado a media mañá, as bestas son conducidas desde o Peche do Castelo, ata Sabucedo, percorrendo o pobo ata o seu encerro no monte Curuto. Aquí remata a participación de todas aquelas persoas alleas á Rapa das Bestas que participaron na baixa das bestas, e a partir deste momento gozarán dun espectáculo único, onde mulleres e homes, sen ningún aparello, enfróntanse a un animal en estado de liberdade e dicir a unha besta ou a un cabalo salvaxe.

Como viña contando, as bestas son conducidas desde o monte Curuto ata o Curro, lugar onde se celebra unha ancestral maneira de rapar as bestas, da comezo coa participación dos mais cativos do lugar apartando os bichos (poldros) para que non sexan pateados ou pisados polas greas. De seguido os aloitadores en número de tres, atópanse preparados para inmobilizar a un animal. Escóllese a besta ou cabalo que se vai rapar, acto seguido un dos aloitadores lánzase sobre o lombo da besta, mentres os outros dous, un suxeita ao animal polo rabo intentando desequilibralo e outro lánzase sobre a cabeza tapándolle os ollos cos brazos, o que estaba montado descabalga e abraza á besta polo outro lado da cabeza ata que o animal se entrega canso e deixa de loitar. Así sería a rapa , pero é moi probable que o xinete sexa derribado e o seu corpo remate entre os cascos dos cabalos ou animal e aloitadores batan contra o chan intentando a besta desfacerse dos que intentan retela. Unha vez dominado o animal aparece a figura dun persoeiro, que leva unhas grandes tesoiras e comeza a cortarlle as crins do pescozo e do rabo. O curro está cheo ata a bandeira de espectadores, que aplauden ata rebentar as maos, ante o valor e destreza demostrados polos valentes aloitadores, que cheos de orgullo corresponden os espectadores con saúdos, desde a area do curro.

Sabucedo é a única parroquia do concello da Estrada formadapor un só núcleo de poboación. Ademais disto, Sabucedo é un paraíso para o camiñante, percorrendo a beira do seu regueiro unha ruta de vellos muíños, cunha fermosa ponte, baixo as polas das árbores que nos acubillan e protexen dos raios do sol.

Un paseo por Sabucedo, leva o camiñante a descubrir estreitas rúas, un fermoso reloxo de sol, casas con remates en redondo en vez de rectangulares (o que nos fala da súa antigüidade), grandes carteis fotográficos con esceas da Rapa das Bestas, a fermosa carballeira do Campo do Medio, a igrexa e, ao seu carón, o curro vello. Todo isto fai de Sabucedo un país idílico cun paisaxe bucólico. Logo non é de estrañar que a parroquia de Sabucedo esté proposta como un Ben de Interese Cultural (BIC).

A Asociación Rapa das Bestas segue con innovacións e así, xunto con Codeseda Viva, está a tramitar a homologación dunha ruta de sendeirismo de 30 quilómetros. O pasado 28 de febreiro fixeron unha mostra da mesma na que, a pesares de amencer un día de neve, participaron máis de medio cento de persoas. A saída era dende Codeseda, facendo un alto para o avituallamento no teleclube de Sabucedo, onde os camiñantes gozaron do calor dunha cheminea, xantaron algo, tomaron bebidas quentes e algún que outro chupito.

Esta asociación da Rapa das Bestas segue a traballar non novo proxecto e, xunto coa Deputación de Pontevedra, sacará á luz unha publicación titulada ADN Sabucedo, Rapa das Bestas, Nº I-ano 2016, na que participan autores de renome, tan prestixiosos como o do intelectual Manuel Cabada Castro, o escritor Manuel Rivas ou o zoólogo Felipe Bárcena Varela de Limia, entre outros, con temas de diversidade relacionados co mundo da Rapa das Bestas de Sabucedo.

Compartir el artículo

stats