O coletivo Eira da Xoana organiza o vindeiro día 21 unha actividade que, baixo o título Día da Diversidade Natural e Cultural 2016, se desenvolverá tanto nas instalacións da finca de Ramil (Agolada) como no Castro de Remonde (Palas de Rei). O programa de actividades dará comezo a partir das 11.00 horas co encontro dos participantes nas instalacións de Ramil. Media hora despois haberá un roteiro para a observación de aves que será guiado polo ornitólogo Xosé M. Penas Patiño. Á unha da tarde está previsto o encontro no Castelo de Remonde, no que haberá unha actuación musical a cargo do grupo Eudemónicas, de folque galego. Ás 14.30 a organización ten previsto un xantar comunitario y desde as 16.30 haberá actos literarios e musicais adicados Manuel María, a quen se honra este ano polo Día das Letras Galegas. Nesta proposta actuarán, entre outros, o cantautor Servando Barreiro.

As persoas que desexen participar no roteiro deberán levar uns prismáticos e roupa axeitada. A organización, Fundación Eira, Castro de Remonde e Adega, ofrecen máis información desta actividade na páxina web www.eiradaxoana.info.