Continuando coa descrición do importante patrimonio da Serra do Carrio e logo de referir os petroglifos da Pena Cantadoira, as mámoas do monte de Bullas, os restos do castelo do Carrio e as mámoas do Monte do Freixo, das parroquias lalinenses de Méixome e Busto, entramos nos lindeiros das parroquias de Bermés e Losón baixando dende o cumio dende Penarredonda, a 827 metros de altitude deica os 530 metros de Brenzos, onde comeza xa a ribeira do río Deza.

A cima de Penarredonda, punto culminante da Serra do Carrio que sinala un vértice xeodésico, constitúe un verdadeiro miradoiro natural da comarca. Malia estar repleto de antenas de telefonía, repetidores de radio e televisión, aeroxeradores e postes, ofrece unha boa panorámica dos seis concellos da comarca e tamén doutras de máis lonxe, desde Padrón, o Pico Sacro, Compostela, Arzúa, Melide, Antas de Ulla e aínda as chemineas de As Pontes ou o mar de Arousa en días despexados.

Mesmo enfronte da Penarredonda, a uns 250 metros ao surleste e case coa mesma altitude está o chamado Coto da Capela, que lembra unha antiga ermida que logo sería capela dedicada ao Santo Adriao do Carrio, da que só quedaron no lugar algunhas pedras de granito escasamente labradas que ninguén quixo aproveitar para outras construcións da parroquia de Bermés, se cadra pola empinada costa que compría salvar e a falta dun camiño axeitado para carrexalas. Baseándose nunha antiga lenda do Santuario do Corpiño, algún autores relacionan ao santo Adrao do Carrio co anacoreta Luisón que vivía nestes montes e que daría nome ao Corpiño e á parroquia de Losón.

Preto da capela debía estar a fonte do Santo Adrao, quizais onda a lagoa do Carrio que se localiza a uns 300 metros ao poñente e que malia ser drenada en boa medida en tempos recentes, aínda mantén certo nivel de auga deica o estío. Nós lembrámola con maior extensión, case o dobre ca actual e non era a única que existía no monte, pero os veciños fixeron nesta aba sur do monte varias captacións e depósitos de acuíferos que secaron outras pequenas lagoas existentes nos contornos.

Estacións rupestres

No monte propiedade dos veciños de Santa Baia de Losón atopáronse en tempos recentes dúas estacións rupestres próximas ao lugar de Brenzos de Arriba, lugar este no que en tempos estivo a casa solar dos Taboada cuxos escudos e perpiaños serían empregados na construción do Pazo de Liñares, en Prado, tamén municipio de Lalín.

Na Pena da Cruz, un penedal ao pé do camiño que sube cara a Cerrada de Brenzos, poden ollarse medio cento de gravados con diferentes motivos, mestura de prehistóricos e outros máis recentes, mesmo actuais. Malia ao desgaste que produciu a erosión e a acción dos humanos, distínguense varios círculos concéntricos, algún deles repicado, ferraduras e un abóndante numero de cruces de varias feituras e tamaños, algunha con peana e de feitura recente que se superpuxo aos gravados primitivos. Os da concentración parcelaria rodearon o penedal cun pequeno valado de pedra por mor de evitar máis agresións e na mesma época procedeuse a catalogación destes petroglifos que os paisanos coñecían desde tempo inmemorial.

A uns 400 metros ao sur desta estación rupestre e nunha encrucillada de camiños preto do lugar de Brenzos de Arriba, está a outra estación rupestre nunhas rochas con claras mostras de ter sido rachadas para aproveitar pedra. Dela deunos conta o investigador lalinense Antonio Presas, que mesmo nos acompañou ao lugar no ano 2014, ollando alomenos catorce coviñas duns 6 centímetros de diámetro e 4 centímetros de fondo en dúas penedas. En días pasados ollamos con indignación que alguén raspou as rochas e verteu materiais de construción e lixo no lugar.

Na cuarta e última reportaxe desta serie dedicada ao patrimonio da Serra do Carrio, que sairá publicada mañá nestas páxinas de FARO DE VIGO, referiremos os petroglifos da Fonte da Anella, a Pena Cabalada, as mámoas de onda Pena do Ouro e o castro do Outeiro Grande.