Na reportaxe anterior demos conta da localización da estación rupestre da Pena Cantadoira, entre Méixome e Bermés, e un par de mámoas ao pé do camiño que desde O Castro de Méixome sobe cara a Fonte da Anella. Seguindo co detalle do abóndante patrimonio que atesoura a Serra do Carrio, imos dedicar o presente aos restos do Castelo do Carrio e os petroglifos que se atopan ao carón no monte de Busto, as dúas estacións rupestres de Santa Baia de Losón e un campo de mámoas entre as tenzas de Busto e Méixome, elementos patrimoniais todos eles que coidamos pendentes de catalogar, aínda que figuran algúns deles en varias publicacións nosas e doutros investigadores da comarca de Deza.

Dous cotarelos rochosos presiden o monte de Busto do que noutro tempo saíron grandes cantidades de pedra de granito para construcións da comarca. Nun deles, coñecido polos paisanos coma O Coto do Castelo ou Castrelo Grande, situado máis ao Sur, quedan os restos do que foi o Castelo do Carrio, que lembra a tradición oral e os vellos cronicóns e do que xa demos conta en 1989 na primeira edición do libro A Comarca do Deza. Mais ca dun castelo, coidamos que se trataba dunha torre medieval de dimensións e emprazamento semellantes aos de Grava, Rellas e Férveda-Escuadro, en Silleda, Vilatuxe e Galegos, en Lalín, e Val de Sangorza, en Agolada, todos eles arrasados tempos atrás sendo aproveitados os sillares para outras construcións.

Neste caso, polos restos dos muros e a parte da cimentación que se conserva, estimamos que era unha torre rectangular que andaría polos 5x8 metros e unha altura de non máis de 10 metros. Arredor desa cimentación poden ollarse varias moricas de pedras de granito que deberon pertencer a torre. O penedal sobre o que se asenta ten claras mostras de ter sido usado coma canteira. Malia todo, quedaron dous petroglifos históricos nas rochas que forman parte deste outeiro que domina amplas terras da comarca. Un deles, situado na parte máis alta do outeiro rochoso, presenta unha ducia de coviñas de 5 centímetros de diámetro por outro tanto de fondo, moi erosionadas, e foinos mostrado hai un par de anos polo investigador dezao Antonio Presas. O outro, unha cruz con base trapezoidal duns 20 centímetros de alto atopámolo hai uns anos e tamén o amigo Presas acertou con el.

A uns 250 metros ao NW deste Coto do Castelo e ao carón dunha encrucillada hai unha boa fonte de pedra que os veciños recuperaron hai algúns anos pero o escaso mantemento fai que apenas se vexa entre as silvas e apenas bote auga dabondo para beber.

Á dereita da pista que arrinca de Méixome atravesando o monte do Freixo cara a cima de Penarredonda, localízanse alomenos dúas mámoas, aínda que pode haber máis agochadas entre o mato logo de ser rebaixadas ou mesmo arrasadas por labores agrícolas. A situada na parte máis baixa, a uns 12 m. á dereita do camiño, mide uns 10 m. de diámetro e na parte central poden verse varias pedras que deberon pertencer a coiraza. A outra mámoa localizada áchase a uns 700 m. ao Norte da anterior, tamén á dereita do camiño, no medio dun apartadeiro, facilmente perceptible ao ficar cuberta de toxos. Pode verse un dos esteos que formaban o dolmen deitado na parte central.

Na próxima reportaxe referirémonos ao miradoiro e vértice xeodésico da cima de Penarredonda, ao Coto da Capela e aos petroglifos de Brenzos e das Cruces, en Santa Baia de Losón.