Na Serra do Carrio, que se ergue no lindeiro dos municipios de Lalín e As Cruces cunha superficie duns 15 quilómetros cadrados e que constitúe un verdadeiro miradoiro da comarca de Deza e outras terras da Galicia Central, localizamos nos últimos tempos catro estacións rupestres nos montes de Méixome, Busto e Losón que, xunto á da Fonte da Anella catalogada hai máis de vinte anos no monte de Bermés, incrementan o xa importante patrimonio arqueolóxico destes montes que teñen o seu punto culminante na Penarredonda (vértice xeodésico) a 827 metros de altitude. A estes novos petroglifos hai que engadir os achádeos de catro mámoas que tamén aumentan o número das oito xa catalogadas, os restos do castro de Outeiro Grande, do castelo do Carrio ou do Coto da Capela, A Pena Cabalada, a lagoa do Carrio e outros puntos de interese xeolóxico, paisaxístico e da flora e da fauna que converten a esta serra nun espazo natural e arqueolóxico de indubidable valor malia soportar o establecemento dun parque eólico e unha grande canteira de granito que supoñen fortes impactos no contorno.

Nestes días o colectivo Roteiros de Lalín prepara xa unha das súas rutas pola Serra do Carrio para mostrar e poñer en valor estes e outros valores patrimoniais que tratamos de recoller nas páxinas de FARO DE VIGO coa publicación de catro reportaxes, das que hoxe ofrecemos a primeira.

Estación rupestre

Preto do camiño que atravesa o sinalado coma Monte de Bullas, onde tamén ten o seu nacemento o regato deste nome no lindeiro das parroquias de Méixome e Bermés, localizamos a finais de 2014 unha estación rupestre con numerosos gravados na coñecida coma Pena Cantadoira, unha grande rocha de xisto con vetas de cuarzo duns 150 m2 ao descuberto, inclinada cara ao Sur e con claros signos de ter sido mutilada para arrincar pedra para valados e outras construcións.

Malia o desgaste producido pola erosión pódense ver media ducia de combinacións circulares de diferentes tamaños. A maior, duns 25 centímetros de diámetro, está formada por tres círculos concéntricos e cazoleta central da que arrinca un radio cara á dereita para enlazar con outra combinación circular duns 20 cm. formada por dous círculos concéntricos con cazoleta central. Preto destas en plano inferior, outras tres máis nas que se olla un só círculo e cazoleta e, xa máis alonxada, outra combinación formada por dous círculos concéntricos -que pola erosión semella una espiral- cun diámetro o maior deles duns 20 cm. Entre unas e outras vense varios riscos que semellan facer de enlace e un par de coviñas duns 3 cm. de diámetro. Os motivos circulares que aparecen nestes gravados lembran aos da Fonte da Anella localizados a escasamente un quilómetro ao NE monte arriba, aínda que son máis sinxelos e de menores dimensións. Tamén aos localizados no Couto de Trasfontao, Penalonga e Castro Montaz (Silleda) e Gurgueiro e Axiaz, en Ventosa (Agolada).

A uns sete metros ao NL do grupo de círculos referidos e no mesmo penedal poden ollarse uns sete riscos paralelos duns 25 cm. de longo cada un gravados nunha nunha pequena parede vertical que forma esta grande rocha. Estes motivos, aínda que máis sinxelos, lembran aos escaleiriformes do Chan de Petos en Oleiros (Silleda).

Mámoas

A uns corenta metros ao N desta estación rupestre, no chamado Monte das Bullas, pertencente aos veciños de Méixome, áchase un campo de mámoas, medio derruído polos labores agrícolas. A mellor conservada das dúas que localizamos está a pé do camiño, subindo á man esquerda, e mide uns 15 metros de diámetro e presenta un oco central que supoñemos consecuencia da extracción dos esteos que formaban o dolmen. A outra, de semellante tamaño e tamén medio derruída, está a uns 50 m. da anterior, á dereita do camiño, e semella que xa non ten ningún dos esteos que formaban o dolmen. Pode haber máis enterramentos cubertos polo mato. Coidamos que as dúas son inéditas.

Na próxima reportaxe referiremos a localización dos restos do Castelo do Carrio e os petroglifos con cazoletas e cruciformes achados o carón no monte de Busto e un par de mámoas localizadas á beira do camiño que sobe polo monte do Freixo.

Non lonxe destas mámoas está o Campo da Guerra, unha pequena chaira da que o amigo Antonio Presas recolleu testemuñas dando conta dun sanguento episodio das guerras carlistas que tiveron numerosos escenarios na comarca.