Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Carboeiro ao Museo do Pobo

Chus Caramés y Carme Campo comisarian unha exposición estreada nos XVI Encontros de Música que invita a revisar a tradición

Chus Caramés e Carme Campo, onte, durante a montaxe da exposición no museo. // Xoán Álvarez

Andar cos tempos... ou de como cribar o gran para mañá é un convite a revisar a tradición con perspectiva de xénero. Deseñada inicialmente polas súas comisarias, Chus Caramés e Carme Campo, para os XVI Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, que tiveron lugar en xuño de 2015 no entorno do mosteiro trasdezao, chega agora a Santiago de Compostela. A exposición inaugúrase hoxe ás 20:00 horas no Museo do Pobo Galego, onde permanecerá ata o 27 de maio.

"Foi unha idea das dúas para os Encontros de Música Tradicional, unha proposta expositiva que fixemos á Asociación Santa Ferreña, que foi a que se encargou da súa montaxe", explica Chus Caramés, silledense de Moalde afincada en Compostela. A mostra só ficou un día no mosteiro, suficiente para que o Museo do Pobo reparase nela e decidise mostrala nas súas dependencias. "Que se valoren as nosas propostas desde unha entidade tan importante para a cultura galega é un motivo de orgullo para nós", subliña Caramés. As dúas comisarias comparten formación como bailadoras de agrupacións de música tradicional nas súas vilas e experiencia como mestras de baile e traballadoras no ámbito da educación non formal. Este é o primeiro traballo en común de Caramés e Campo, que pretenden dar continuidade ao camiño aberto.

Catro paneis con textos, coplas e preguntas, algúns vídeos e fotografías e pezas artesáns que mostran como foron e como son os artefactos que nos definen fan parte de Andar cos tempos. En verbas das súas autoras, é "unha proposta que pretende convidar a rever o que a anterior xeración nos transmitiu; a preguntarnos se realmente recollemos a súa experiencia e as innovacións que achegou; a repensar cal é verdadeiramente a esencia da nosa tradición, como queremos que sexa o noso xeito de festexar hoxe en día e que é o que queremos transmitir á seguinte xeración".

Andar cos tempos é un dito popular que "nos sinala a necesidade de ser conscientes dos cambios que se desenvolven arredor de nós, de como debemos ser quen de adaptarnos a eles e de seleccionar aqueles que consideramos axeitados, para seguir enriquecéndonos cultural, persoal e socialmente", indican desde o Museo do Pobo. "Fálanos de como a tradición non vén sendo outra cousa que a suma de feitos anovadores que conforman a experiencia colectiva, de como as comunidades co devir do tempo criban o pasado para recoñecerse no presente, nunha construción colectiva que legar ao futuro", conclúen.

O Departamento de Educación e Acción Cultural, que invitou ás comisarias a mostrar o proxecto no museo, leva tempo traballando nunha liña na que as tradicións se tratan, non como relembranza do pasado, senón como proxeccións de futuro. Neste sentido, contar co proceso histórico e aplicar a perspectiva de xénero son eixos fundamentais que tamén están presentes en Andar cos tempos.

Compartir el artículo

stats