Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros do Roteiro de Cercio e Sobreirais do Arnego (e V)

O castro de Palio

Este xacemento arqueolóxico, obxecto de expolio no ano 2000, acumula lendas sobre tesouros e unha igrexa moi antiga destruida

O castro desde as proximidades da aldea de Palio. Á dereita, reprodución virtual do relevo da zona (proxecto Depodeza). // A.P.

O Castro de Palio, coñecido entre o vecindario da parroquia de Rodís como "O Castro", está catalogado oficialmente coa referencia GA36024008 e aparece no Catálogo de Bens Protexidos do PXOM de Lalín co número 1-42. Está situado na vertente esquerda do río Arnego, a un quilómetro de distancia da engroba do Pozo Negro. O desnivel existente entre o río, que discorre a 315 metros sobre o nivel do mar e o castro (484 m) é duns 170 metros, sendo esta unha das características máis salientables do seu contorno.

O castro está ubicado no reborte superior do encaixamento do Arnego, ainda que afectado pola sección aberta polo val do rego de As Teixugueiras, que se forma a altura da localidade de Santa Baia. A súa localización no reborde do encaixamento permite diferenciar dúas zonas moi distintas: A planicie superior que culmina no Alto de Rodís, tradicionalmente adicada a agro (campos de cultivo) e a empinada ladeira, orientada cara o Norte, que reúne unhas excelentes condicións para o desenvolvemento do bosque caducifolio, na parte máis alta e, a continuación, cerca do río, do bosque esclerófilo (sobreiral) de influenza mediterránea. Respecto do espazo actualmente habitado atópase ao NO de Palio de Arriba, a uns 250 metros de distancia en liña recta, saíndo desta localidade un camiño de servidume que chega ata o asentamento castrexo.

O castro está formado por dous recintos contiguos situados a diferente altura: O recinto superior ou croa e un subrecinto adosado ou antecastro. A croa, de forma subcircular (diámetro interno NL-SO de 75 metros e diámetro interno NO-SL de 60 metros), está rodeada por un terraplén de diferente altura e, unicamente, se conservan indicios de existencia de muralla polo lado Sur, a carón da entrada ao recinto. Este recinto estivo protexido por un foxo externo, do que tan só se conservan restos polo lado NL. Na parte central da croa sobresaían uns penedos de micaxisto fortemente inclinados, arrasados para extraer pedra empregada en diversas construccións rústicas. No seu lugar quedou a característica concavidade da canteira. O antecastro enlaza, polo lado SO, co recinto anterior, pero viuse sometido a intensas actividades agrícolas que o desfiguraron, considerablemente, polos extremos. A pesares destas actividades, aínda conserva en bo estado gran parte do terraplén central.

Lendas

En case todas as referencias se fai alusión aos mouros, que son considerados como os seus habitantes primitivos. Algunha lenda afirma que os mouros tiñan un pasadizo subterráneo, un túnel, que lles permitía desprazarse ocultos cos seus cabalos ata unha fonte situada pola parte de abaixo do castro. Outras lendas fan referencia a encantamentos, como unha galiña con pitos que aparecía e desaparacía de forma case misteriosa. A persoa que fora capaz de coller algún pito faríase rico porque converteríanse en ouro. Tamén se conserva unha lenda máis estrana, referida a un touro moi bravo que, ás veces, saía do castro polo túnel oculto, pero ninguén era capaz de botarlle a man. Dicían que a persoa que fora capaz de atalo fariase moi rica porque o touro levaríao ao interior do castro onde se gardaban grandes tesouros. A tradición oral menciona a existencia dunha pequena igrexa, moi antiga, localizada no castro ou nos arredores (agro de Andufe), desfeita por causa dunha forte tormenta. No lugar de reconstruila, os veciños de Santa Baia decidiron levar as partes aproveitables para levantar a igrexa que existe na actualidade nesa aldea.

Os veciños de Palio teñen manifestado que ao arar as fincas do castro e do agro cercano aparecían ancos de cerámica, muiños redondos de man de granito, que incluso levaron para as súas casas e outros obxectos. No mes de outubro do ano 2000, buscadores de tesouros en complicidade co propietario dunha finca da croa procederon a súa aradura, cun potente tractor, removendo unha superficie de solo superior a 1.500 metros cadrados coa finalidade de buscar obxectos de ouro. Entre os restos atopados figuran: Dúas moedas dos anos 1512 e 1619, nas que figuraba acuñado un castelo; numerosos clavos ou puntas de ferro; diversos anacos de caerámica; obxectos de pedra que podían ser afiadores ou pulidores; unha moa fragmentada en tres anacos; e varias concentracións de pequenos bloques de arxila rubefactada por efecto da calor, posiblemente, de lareiras domésticas de vivendas castrexas

Problemáticas

As diversas actuacións realizadas non coa intención de danar o xacemento arqueolóxico (extracción de pedra na canteira da croa, rebaixes nos terrapléns do antecastro para agrandar fincas, diversos cerres, etc.) contrastan co laboreo mecánico feito no ano 2000. Esa acción estaba encamiñada á búsqueda de obxectos valiosos levantando, primeiramente, o solo ata unha profundidade de 70 centímetros ao arar cun potente tractor (tracción ás catro rodas), para peinar de seguido o terreo cun detector de metais. Algunhas persoas de Palio foron testemuñas do acontecido durante os dous días que durou o expolio, pero interviu de seguido a policia autonómica, tan pronto como se tivo coñecemento dos feitos, celebrándose posteriormente un xuizo no que foron condenados con fortes multas e prisión os culpables. Os danos ocasionados no xacemento arqueolóxico foron avaliados por un arqueólogo a servizo de Patrimonio, quen redactou un informe pericial que resultou determinante no xuizo celebrado uns anos máis adiante. Outra circunstancia tida moi en conta no enxuizamento foi o nivel de protección que establecía o PXOM de Lalín respecto deste importante ben patrimonial.

Compartir el artículo

stats