Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros do Roteiro de Cercio e Sobrerais do Arnego (II)

A igrexa románica de Cangas

Fronte á falta de documentos da época medieval sobre a súa existencia, hai incripcións que poderían datala no ano 1179

Feismo imposto na fachada principal, lado esquerdo. // A.P.

Polo de agora non teñen aparecido referencias documentais antigas relacionadas con esta igrexa e a primeira referencia bibliográfica, na que se cita, corresponde ás investigacións feitas na comarca polo Seminario de Estudios Galegos (SEG) entre 1928 1935. Álvarez Limeses (1936) sinala que en Cangas existe unha igrexa románica con fachada do século XI.

Fronte a falta de documentos de época medieval que mencionen a súa existencia, atópanse tres inscricións nas que se aportan referencias concretas. Así, na parte inferior do tímpano da porta principal, aparece unha inscrición que, posiblemente, se poida representar así: ERA : M P C : X V II (transcrición = Era millesima ? centésima séptima décima). Esta inscrición ten dado lugar a diferentes interpretacións pola dificultade de entender a letra P que, tanto pode corresponder a post, como ser un "C" ao revés (MCCXVII = 1227, que pasado á cronoloxía actual correpondería a 1179).

Outra inscrición, segundo Casto Sampedro (Documentos, Inscripciones y Monumentos para la Historia de Pontevedra, 1896-1904) atopábase no Museo de Pontevedra e contiña un texto referente á fundación e consagración da igrexa de Cangas. Segundo este epigrafista, a lápida correspondía ao século XII. A terceira inscrición aparece, segundo notas manuscritas existentes no Museo Provincial de Pontevedra, no dintel da porta principal (ID. MARCII ERA MCCLIIII = A 11 de marzo de 1254, que pasado á cronoloxía actual será 1216).

En resume, estas inscricións permiten datar a igrexa de Santa Marina de Cangas entre finais do século XI ou comezos do século XII. No primeiro caso, sempre que se considere a letra P da inscrición do tíempano sen valor numérico (1079)A primitiva da igrexa de Santa Mariña de Cangas estaba formada por unha soa nave de forma rectangular (5,30 metros de ancho na fachada e 8,40 metros de lonxitude) reformada e ampliada no século XIX. A reforma afectou a varias partes do templo e a ampliación supuxo a destrucción do ábside para proplongar a súa planta cara o Leste. No ábside atopábase o arco triunfal, do que tan só se conservan dous capiteis depositados no Museo de Pontevedra.A construcción estaba feita con grandes sillares de cantería, transportados posiblemente de canteiras da Serra do Carrio, ben labrados e formando filas continuas. Esta fachada foi reformada na parte superior, onde está coroada por unha espadana, formada por dous arcos xemelgos e paralelos sobre os que aparece outro, no ápice, de menor tamaño. Por debaixo da espadana hai un óculo moderno que posiblemente sustituiu a outro anterior, do que se conserva unha metade incrustada na parede no novo abside.

Na parte inferior está a porta de acceso principal, de unha arquivolta, formada por un arco con seis dovelas (sen clave), que descansa apoiada en dous capiteis entregos con decoración vexetal imprecisa, colocados sobre sendas columnas cilindricas. O tímpano, de dintel bilobulado, está apoiado en dúas mochetas lisas e nel existe unha das inscricións anteriormente mencionadas. Na parte superior do tímpano aparecen marcados catro arcos semicirculares e no centro está grabado un rosetón ou flor, formada por oito pétalos (imitación dun xirasol). Nesta fachada, foi modifica a porta románica primitiva pero consérvanse en bo estado once canzorros na parte superior e dous a un niveil máis baixo, que deberon servir de apoio a unha cubrición lateral, un alpendre. Sobre muro setentrional, totalmente liso, hai dez canzorros lisos, nos que se apoia a cornixa superior. O interior está formado pola nave primitiva e pola súa prolongación cara o nacente, unha vez desfeito o abside orixinal.

Esta ampliación permitiu duplicar a capacidade orixinal da igrexa. Os dous capiteis do arco de triunfo atópanse no Museo de Pontevedra desde a súa primeira fundación Na parte frontal dun capitel aparecen representados catro cánidos: os dous do interior tan só coa cabeza e os da parte de fóra co corpo completo. Da boca destes canidos saen extensas linguas que se entrelazan. O outro capitel, un capitel entrego ao igual que o anterior, está decorado cun talo liso que se entrecuza, formando varios "oitos".

Compartir el artículo

stats