Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros do Roteiro de Cercio e Sobrerais do Arnego (I)

O Coto das Covas

As investigacións apuntan que se trata dunha mina de ferro abandonada, probablemente explotada nos séculos XVII-XVIII

Sinal colocada pola Xunta de Galicia na boca de mina taponada. // A.P.

O Coto das Covas é sobradamente coñecido entre o vecindario de Cercio, que relaciona esta escavación en mina coa Cova da Moura ou dos Mouros: "Cando chovía metíamonos dentro e faciamos lume para quentarnos, aínda que no fondo, durante o inverno, había unha charca de auga que, seguramente, viña de fóra. Esta cova non se fixo para buscar auga para regar fincas. Case seguro que foi unha mina da que se sacou algunha clase de mineral, pero ninguén se acorda diso. Por iso, hai varios anos, chegaron aquí uns descoñecidos e andiveron pola parte da arriba da cova pasando unha máquina polo chan. Debían ser buscadores de tesouros".

A primeira referencia bibliográfica coñecida procede da obra A Comarca do Deza, de Armando Vázquez e Daniel González, quen sinalan que no Coto das Covas hai unha entrada a unha escavación subterránea da que, segundo se afirma, os romanos sacaron ferro, estaño, volframio, etc., aínda que parece ser unha simple cala de prospección. No ano 1997, o explorador Fernández de la Cigoña entra na cova e déixanos unha detallada descrición do estado no que se atopa. Considera que se trata dunha mina de ferro abandonada, que fora explotada, posiblemente, no século XVII ou no XVIII.

A comezos da primeira década do 2000, a Xunta de Galicia procedeu a taponar varias minas da comarca de Deza, por culpa da súa perigosidade, pero non se elaboraron informes nin memorias acerca do seu aspecto e perdeuse a posibilidade de coñecer moitas referencias de interese. Unha descrición importante é a realizada por Fernández de la Cigoña (1997), pouco antes de ser taponada: "O día da nosa visita, a mina era un verdadeiro cortello, pois nela verteron moito lixo as casas veciñas. Había un cadáver dun porco grande, os anacos dunha bicicleta e moita porcallada miúda. Era un auténtico vertedeiro case imposible de limpar, que dificultaba o acceso ao seu interior. A boca é irregular, duns dous metros de alto e tres de ancho e comeza cunha forte pendente cara abaixo dun 45% ou máis. Adéntrase cara o interior en liña recta, sen desviarse nin á dereita nin a esquerda e como estaba orientada cara o mediodía, a luz do sol iluminaba unha grande parte da cavidade sen necesidade de acendar as lámpadas. A altura da entrada mantense uns 7 metros cara adentro, logo o teito baixa pouco a pouco e as paredes aproxímanse, de xeito que é preciso agacharse para seguir avanzando outros 6 ou 7 metros. A lonxitude total será duns 12 ou 13 metros. A luz chega case ata o fondo e, na zona da entrada, aparece moitísimo musgo. A uns 5 metros da boca aparece un pequeno ensanchamento en forma de repisa, polo lado dereito".

A descrición deste investigador non concorda coas testemuñas de moitos veciños. Uns afirman que existían tres buratos que se dirixían cara uns tuneis subterráneos e outros que, ultimamente, tan só existían dous. Segundo algunhas persoas maoires, a mina chegaba ata as casas de Cercio e, por iso, cando se fixo unha casa nesta localidade, atoparon unha galería que se dirixía cara a Cova dos Mouros.

Na actualidade, resulta imposible acceder ao interior da cova para recoller mostras de calquera tipo de mineralización que se poidera observar pero, nas inmediacións da entrada á mina, realizouse un gran rebaixe no terreo para construir unha nave agrícola-gandeira e, no corte (terraplén) puideron localizarse varios filóns de cuarzo mineralizados con pirita (sulfuro de ferro). Este tipo de filóns, de reducida extensión, son bastante frecuentes na zona, coñecida como "Formación Xeolóxica de Cercio" ou "Unidade Intermedia", segundo outros xeólogos. Esta formación está constituida basicamente por xistos micáceos, anfibolitas e ampelitas, formando secuencias litolóxicas orientadas en dirección SO-NE e con ángulos de inclinación comprendidos entre 40º-60º.

A demanda de mineral de ferro debeu ser bastante elevada na zona durante os séculos XVII-XVIII, a xulgar polos grandes depósitos de escouras que se localizan en Muimenta (Escourido), Ferreiroa e Monte de Eidián (As Ferreiras), localizados en zonas onde o carbón de uz era abundante. Esta mina de Coto das Covas debeu abastecer de mineral ás fundicións de Moimenta, do mesmo xeito que as explotacións de Cova da Xila (Sello), a Costa do Agrelo (Cangas) e o Monte da Costa (Moimenta).

A lenda do capón

A maiores da súa consideración como mina romana ou dos mouros, consérvase unha curiosa lenda, bastante común noutras minas e pasadizos subterráneos. Contan que hai moitos anos, nunha ocasión, os veciños de Cercio non eran capaces de recorrer os pasadizos subterráneos que tiña e decidiron meter un capón dentro dun túnel e deixalo solto. Estiveron agardando a que saira pola entrada, pero o capón non aparecía por ningún lado, ata que, ao día seguinte, apareceu en Carmoega, localidade que está ao outro lado do río Arnego, a máis de tres quilómetros de distancia.

(Este artigo é o primeiro dunha serie elaborada polo xeógrafo Antonio Presas co gallo do Roteiro de Cercio e Sobreirais do Arnego que organiza Roteiros de Lalín o domingo 24 de abril)

Compartir el artículo

stats