Silleda fomentará o uso da lingua galega con dous plans

Ao longo deste ano porá en marcha unha campaña para nenos de ata 12 anos e outra para os diversos sectores comerciais e sociais

29.03.2016 | 03:45
Membros do Clube da Lingua e de Canto Ghalpón, autores da curtametraxe.

A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda, que coordina Aida Castro, presenta dous programas de actividades para fomentar o uso do galego no municipio. Estas accións levaranse a cabo ao longo do ano e combinaranse con outras iniciativas que xa se teñen desenvolvido en anteriores ocasións.

O primeiro programa denomínase Medrando en galego e vai dirixido a nenos de ata 12 anos de idade. Comprende dúas accións. A primeira delas coñécese como Verbas no ar e inclúe talleres de contacontos e outras actividades aínda por concretar. Haberá, ademais, un obradoiro de recursos educativos en galego para as familias, que terá lugar no mes de maio. A segunda das iniciativas deste programa para nenos é Aloumiños en galego. Consiste na entrega dunha caixa con artigos de puericultura ás familias de todos os bebés nados neste ano, para contribuir ao fomento do uso do galego da familia co neno.Esta proposta da que se dará conta do seu comezo nos próximos días, é gratuita e retroactiva, de maneira que abarcará a todos os nenos nados dende o mes de xaneiro.

O segundo dos programas chámase Luscofusco e quere dinamizar o uso do galego na poboación en xeral, e nos diversos sectores comerciais, económicos e sociais. Divídese en catro actividades principais. A primeira delas é un curso de recursos expresivos que se celebrará despois do verán e que tratará a expresión oral e escrita creativa, co ánimo de promover as habilidades comunicativas en galego. Tamén se continuará coa campaña de dinamización lingüística no comercio Silleda agasalla, que se porá en marcha no Nadal. Esta proposta tivo moito éxito nos últimos anos e consiste na elaboración de adhesivos de felicitación -con lemas en galego- por parte dos alumnos dos centros educativos do municipio. Estas pegatinas repártense entre os comercios que as soliciten para decorar os regalos de Nadal.

Mantense, tamén, a convocatoria do concurso de microrrelatos, que está aberto a toda a sociedade e que se divide en dúas categorías: unha de 6 a 12 anos e outra a partir de 13. Esta iniciativa convocarase en abril e vaise desenrolar ata o Día das Letras Galegas. Tamén por estas datas terá lugar a última das accións comprendidas dentro deste programa de normalización lingüística, que será a edición, dende a citada consellería, dun marcapáxinas conmemorativo do 17 de maio, que este ano se adica ao poeta Manuel María.

Contacontos

O programa Verbas no ar tamén inclúe sesións de contacontos. Este sábado, 2 de abril, a partir das 12.00 horas no Centro Cultural Vista Alegre, da Bandeira, terá lugar o espectáculo Contos de cores, aberto a nenos de ata 8 anos. Con esta actividade quérese conmemorar o Día do Libro Infantil e Xuvenil, que terá unha segunda cita en Silleda o martes, día 5, na biblioteca Daniel Castelao (17.00 horas). Desta volta será o turno da representación de Dada o duende, enmarcada na proposta Ler conta moito. A actividade está orientada a nenos de entre 3 e 12 anos. Ler conta moito é un programa de dinamización que promove a Consellería de Cultura en colaboración cos concellos. Con el quérese contribuir á promoción da lectura como vehículo de enriquecemento e aproveitamento persoal.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine