Ramón María Aller Ulloa cobrou vida onte, xornada na que se cumplía medio século do seu pasamento. Unha homenaxe lembrou a figura do sacerdote astrónomo e matemático nas localidades ás que máis vinculado estivo en vida: Lalín, que o veu dar o primeiro e mailo último alento, e Santiago, onde desenvolveu gran parte da súa actividade académica como membro destacado da súa universidade.

O Observatorio Astronómico da USC, que leva o nome do científico desde 1983, foi o escenario elixido para a presentación do libro Astronomía a ollo ceibe, edición en galego de Astronomía a simple vista, publicada en 1948. En realidade, a obra xa fora anunciada pola prensa xa en 1936 como unha guía de divulgación astronómica en galego, pero o orixinal nunca foi localizado. Agora ve a luz como fora concibida polo seu autor, grazas ao traballo de José Ángel Docobo, director do observatorio universitario, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou a Ramón Aller como "precursor do uso do galego no eido científico" e lembrou que o astrónomo lalinense foi o creador do primeiro observatorio de España na súa casa natal de Lalín. No acto estiveron o reitor, Juan Viaño, ou o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, entre outros.

A homenaxe tivo continuidade á tardiña en Lalín. Primeiro celebrouse unha ofrenda floral diante da estatua de Aller que preside os xardíns da Praza da Igrexa. O museo municipal que leva o seu nome acolleu o resto dos actos, que consistiron nunha doble conferencia para afondar no coñecemento da traxectoria e personalidade do astrónomo e a inauguración dunha exposición. José Ángel Docobo divulgou A Produción científica de Don Ramón e Cecilia Doporto, técnico municipal e comisaria da mostra, desvelou A opinión dos que o coñeceron. A continuación inaugurouse a exposición Ramón Aller, os seus traballos, documentos e fotos, que contén máis dunha trintena de fotografías impresas en negativo sobre cristal realizadas polo sabio lalinense entre 1916 e 1925, que nalgúns casos foron recuperadas pola restauradora María Alejos. Combínase cunha exhibición de traballos científicos, algúns deles inéditos, e coa mostra de aparellos empregados polo investigador para as súas medicións. Xa entrada a noite, para finalizar a xornada, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitiran, estaba prevista unha observación astronómica.