Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros do Roteiro da Ponte dos Cabalos (III)

A necrópole megalítica de Alperiz

O conxunto está composto por nove mámoas, entre as que destaca o Altar do Sol. Todos os túmulos foron violados por buscadores de tesouros ou sometidos a distintas agresións

Ortostatos da Mámoa da Cruz, incluida a tapa de cubrición. // A.P.

A necrópole megalítica de Alperiz localízase nunha zona relativamente achairada, situada entre Coto Pedreiras e o río Arnego. A distancia entre a mámoa máis cercana ao río é de tan só 220 metros. O espazo ocupado polo conxunto tumular recibe varios nomes: A Cruz, a carón da pista que vai de Carballeda a Parada; O Monte Fonteiriño, ao leste da referida pista e a Zarra do Canal, nas proximidades do Arnego. A zona das mámoas corresponde a un solo con escasa humidade, de fácil drenaxe, cunha elevada infiltración pola abundancia de xabre (alteración do granito) no subsolo e ocupado por unha vexetación subserial tipo matogueira (toxos, queirugas e uceiras). Na actualidade, a presión gandeira está transformado a zona coa implantación de praderías polo contorno, sendo este un problema que ten afectado gravemente ás mámoas nos últimos anos e no presente.

A primera mención histórica das mámoas de Alperiz aparece na Geografía General del Reino de Galicia, de Carreras Candí (1936). No tomo XII, redactado por Gerardo Álvarez Limeses, menciónase a existencia de mámoas en Alperiz e Parada, que tiña un coñecemento real da situación non só por participar nalgunha das campañas que o Seminario de Estudos Galegos (SEG) realizara nas Terras de Deza entre (1930-1935), senón, tamén, polas informacións que lle deran outros membros desa sociedade, especialmente Sebastián González.

Entre o 28 de abril e 5 de maio de 1990 a Asociación Cultural O Naranxo de Lalín, organizou as I Xornadas de Defensa do Patrimonio, nas que o profesor Vázquez Varela espuxo a situación do fenómeno megalítico en Lalín e un grupo de persoas visitou o conxunto de Parada. A mediados de xullo, o propietario da finca na que se localizaba o Altar do Sol arrasou por completo tres mámoas cunha escavadora. A asociación cultural culpou ao goberno municipal desta actuación por non ter adoptado as medidas preventivas que foran aprobadas nun acordo plenario anterior. O Concello recibiu da Dirección Xeral de Patrimonio unhas normas de conservación, entre as que figuraba a compra ou expropiación do terreo onde estaban ubicadas as mámoas. A excepcional salvación do Altar do Sol deste atentado patrimonial foi debida a certo temor por parte do dono a destruir unha construción simbólica da que tiña recibido anteriormente información por parte dalgún organismo público, como o Ministerio de Información e Turismo.

Descrición e afectacións

A necrópole de Alperiz estaba composta por un conxunto de nove mámoas, das que sete formaban o grupo principal (Monte Fonteiriño) e dúas, a 400 metros de distancia do Altar do Sol, formaban o subgrupo da Zarra do Canal. No grupo principal as mámoas atopábanse unhas moi cerca das outras ocupando un espazo tan só de 1,3 Ha.

As mámoas víronse sometidas ao longo da súa historia a varios tipos de agresións: Búsqueda de tesouros, obtención de pedra para construcións, roturación de montes para praderías e alteracións físicas do contorno. As dúas primeiras agresións estendéronse ao longo dun amplo período comprendido entre comezos do século XVII ata a primeira metade do XX e a segunda fase, ata a actualidade. A búsqueda de tesouros pretendía a obtención de ouro entrando no interior da cámara unha vez levantada a lousa de cubrición das antas. Foi unha destrución moi selectiva, realizada a pico e pala por cuadrillas clandestinas que actuaban pola noite ou polos propios veciños que tentaban buscar os codiciados tesouros. Todas as mámoas de Alperiz foron saqueadas por este procedemento. A obtención de pedras para construcións rústicas tamén afectou aos megalitos. Cando eran mámoas pequenas os esteos podían ser empregados como lousas de cerre nas fincas, pero cando se trataba de grandes laxes, como as que formaban o Altar do Sol, procedeuse a súa rotura para metelas en valados. A roturación tivo lugar co cambio de ciclo agrícola ao pasar do tradicional de subsitencia ao de mercado, baseado na produción leiteira; neste caso foron arrasadas tres mámoas no Monte Fonteiriño en 1990. O trazado de pistas ocasionou a destrución doutra. Entre os cambios no medio físico, están a construción dunha ganxa moi próxima nos anos 80 ou a colocación dunha antena de telefonía móbil en 2009, legalizada malia á actuación de Patrimonio, que sancionou á empresa con 5.800 euros e demandou a súa retirada.

Compartir el artículo

stats