Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros do Roteiro da Ponte dos Cabalos (I)

O sarcófago antropoide

O cadaleito pétreo de Alperiz é un dos encantos da ruta do vindeiro domingo

Vista do sarcófago desde a parte traseira, coa forma de silueta humana escavada no bloque de granito. // A.P.

Este sarcófago suponse que foi trasladado desde o atrio da igrexa de Alperiz ata o emprazamento actual, por consideralo un elemento inútil e sen funcionalidade. Como ten sucedido en moitas outras localidades do concello lalinense (Soutolongo, Losón, Anzo...) foi transformado en pía para abeberar o gando (vacas, ovellas, etc.) que transitaba polo vello camiño que comunicaba esta aldea con outras localidades e coas fincas do contorno: "Esa pía recordoa sempre aí. Parece ser que a puxeron para que beberan os animais cando viñan do monte ou de sitios secos. Aquí sempre houbo auga en abundancia".

O seu descubrimento, como tal, tivo lugar no verán do ano 2001. Daquela foi elaborado un informe, que se remitiu ao Concello de Lalín para que puxera en marcha medidas encamiñadas a súa protección e conservación, unha vez realizado o correspondente estudio e verificada a súa catalogación. O Concello, segundo se publicou en Faro de Vigo (8-11-2001), contratou a un arqueólogo, durante seis meses, para que procedera á realización dun estudio con propostas de actuacións diversas (sarcófagos, escavacións e museo do Castro de Donramiro, etc.).

Os sarcófagos antropoides foron usados para enterramentos individuais das clases nobiliarias desde a Idade Media ata tempos relativamente modernos (século XVIII). O bloque de granito (un prisma rectangular) no que se facía a escavación en forma silueta humana era, normalmente, trasladado ata a igrexa que o acollía, onde os canteiros remataban o traballo. Posteriormente eran colocados no interior das igrexas ou enterrados no exterior (atrio) e monumentalizados cun panteón.

O sarcófago reproduce a forma do corpo humano (silueta) escavada nun bloque de granito proporcional ao tamaño daquel. De acordo coas principais medidas, tanto do bloque de granito (continente), como da oquedade antropomórfica (contido), dedúcese que correspondía a un home de talla grande, home corpulento, porque unhas medidas destas características eran pouco habituais.

Na parte media, no fondo da oquedade, aparece un burato redondo duns cinco centímetros, feito con posterioridade, para baleirar a auga. É moi posible que o sacófago tivera un primeiro uso doméstico nalgunha das casas de Alperiz para rematar, máis tarde, neste lugar converténdose nun bebedeiro de uso veciñal.

(Este artigo forma parte dunha serie de traballos elaborados polo xeógrafo Antonio Presas co gallo do Roteiro da Ponte dos Cabalos que organiza Roteiros de Lalín o día 20).

Compartir el artículo

stats