A sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística acolleu onte a presentación do I Concurso Balbino de Relato, que promove a empresa dezá Técnicas & Gramaxe S.L. e que conta co apoio da Deputación, a Xunta e os concellos de Vila de Cruces e Boqueixón. Por iso o promotor do premio, Manuel Núñez, estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e os rexedores Jesús Otero e Ovidio Rodeiro, ademais do recén nomeado presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luis Reimóndez.

O Premio Balbino está aberto a persoas de calquera nacionalidade e idade, sexan escritores noveis ou consagrados. Poden enviar dende xa e antes do 30 de xuño un relato ou unha serie de relatos, escritos en lingua galega e que sexan inéditos, que teñan un mínimo de 120.000 e un máximo de 180.000 caracteres con espazos. A temática escollida é "O rural galego". Neste senso, Manuel Núñez explica que o certame "pretende ser un estímulo para todas as persoas que queiran participar na promoción e difusión de Galicia e da nosa cultura". Engadeu que o premio se convocará de xeito anual e que a temática "vai estar vinculada ás tradicións, aos costumes e ás raíces galegas". As bases xa se poden consultar no sitio web www.tecgrama.com. Para obter máis información, pódese enviar un correo ao enderezo concursobalbino@gmail.com. Os textos poden enviarse por correo electrónico ou ordinario.

Establécese un único galardón de 1.500 euros, así como a publicación da obra gañadora en Edicións Fervenza. A entrega do premio terá lugar en setembro. As bases recollen que o xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e da literatura.

Durante a súa intervención, o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, fixo fincapé en que "apoiando este certame, a Deputación está apostando polo fomento da lingua e poñendo en valor o noso rural con historias que servirán para a súa dignificación", ao tempo que se honra a memoria de Neira Vilas e o seu legado literario e intelectual.