Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Máis de 200 maneiras de levar o idioma na pel

O Clube da Lingua publica 300 exemplares do libro 'Tattoos da Galiza', que pode mercarse en librarías de Lalín e Santiago

O libro presentouse nunha das aulas do instituto Marco do Camballón. // Bernabé/Javier Lalín

Se vostede anda buscando un debuxo, un motivo celta ou unha frase da literatura ou do pensamento en galego para tatuarse sobre a pel, debería mercar o libro Tattoos da Galiza. O volume presentouse onte no instituto Marco do Camballón, de Vila de Cruces, e na libraría Lila de Lilith, en Santiago. Ve a luz xusto un ano despois de que o Clube da Lingua, do centro educativo cruceño, puxese en marcha un traballo de investigación para ver ata qué punto o idioma galego formaba parte de algo tan moderno e vangardista como as tatuaxes.

Dúas alumnas do Clube da Lingua, Julieta Penas e Tania Plaza, foron as encargadas de presentar o libro, acompañadas polos profesores Sechu Sende e Eloy Hervella, quen leu un pequeno relato -que se incorpora no libro- sobre unha moza que decidiu tatuarse unha castaña que atopara nun souto en setembro. Julieta Penas sinalou que esta busca de tatuaxes en galego veu motivada polo escaso uso do idioma que fan as novas xeracións, e de aí que, nunha primeira análise, un descubrise "que as tatuaxes ou eran tribais ou estaban en inglés". Así que o Clube da Lingua abriu unha convocatoria, por internet, para ver qué variedade había de tattoos en galego. Foi así como a través das redes sociais se descubriron, impresas sobre a pel, as sereas de Castelao, versos da poetisa Lupe Gómez e lendas como "Denantes mortos que escravos" ou "A liberdade non é negoaciabel", unha foto que firma Mónica de Nut e que abre o citado libro. En total, máis de 200 creacións a flor de pel, e algunhas incluso repetidas.

Unha vez pechado o prazo de recepción de fotografías, e vista a excelente resposta da convocatoria, decidiuse premiar aquelas tatuaxes que máis chamasen a atención ou que máis representativas fosen da lingua e da cultura galegas. Un dos gañadores foi o tatuador Terriño, que loce dous petróglifos de Louro tatuados por Sick Boy González e fotografados para o concurso por Edu Portela. E xa que falamos de petróglifos, non podemos esquecer que o concurso Galiza a flor de pel forma parte dun proxecto máis amplo, Palabras de Pedra. Con esta iniciativa o instituto quere poñer en valor o patrimonio local, a través tanto de conferencias sobre arqueoloxía como con visitas aos restos que conserva o municipio ou entrevistas aos veciños máis veteranos para que as lendas que coñecen sobre estes restos queden recollidas.

O libro poderá adquirirse no propio centro, así como nas librarías Alvarellos, de Lalín, e na citada Lila de Lilith, en Compostela. O seu prezo ronda os 20 euros. Nesta primeira edición sairon do prelo 300 exemplares, dos que boa parte se repartirán entre as persoas que participaron na campaña de micromecenazgo para sufragar os 2.100 euros que custaba a edición. O Clube da Lingua amosa a súa satisfacción por este libro, o primeiro que se edita en Galicia sobre tatuaxes en galego, porque "entre moita xente conseguiuse facer visible unha colección de fotos esteticamente moi ferosa e eticamente vinculada a principios de xustiza social. Toda unha obra de arte e de comunicación colectiva froito dun proceso de participación social", engade.

Compartir el artículo

stats